O Pazo de San Marcos acolleu este xoves un encontro entre os órganos reitores das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas as dúas xestionadas pola Deputación. A reunión, na que se realizou un balance das actividades deste 2020, tamén serviu para abordar proxectos futuros. Entre eles, a creación dunha marca diferenciada para os produtos e servizos de cada unha das reservas.
Esta distinción visibilizará e marcará a procedencia, profesionalidade e calidade dos bens comercializados, o que suporá “un salto cualitativo importante para o desenvolvemento sostible destes territorios e, polo tanto, para fixar poboación”.
As dúas marcas – Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses– xa están rexistradas na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM). Agora, a Deputación empezará a traballar nun regulamento consensuado cos produtores e empresarios que desexen empregar este distintivo na etiquetaxe dos seus produtos e servizos.
Esta marca tamén lles permitirá empregar o distintivo xenérico de Reservas da Biosfera Españolas, que destaca e diferencia todos aqueles produtos naturais e artesanais dos territorios recoñecidos como Reservas da Biosfera en España, actuando como unha marca paraugas que as aglutina a todas.
A marca estará orientada aos produtos agroalimentarios e artesanais de calidade, pero tamén se poderá aplicar a servizos turísticos (aloxamentos, restauración ou empresas turísticas) que poden á súa vez crear sinerxías cos produtores locais, promovendo unha imaxe integral de calidade de produtos e servizos nas Reservas da Biosfera.