InicioSociedadeAs aldeas dun só habitante, terreo libre de coronavirus

As aldeas dun só habitante, terreo libre de coronavirus

Tres persoas que viven soas en aldeas de montaña relatan como é o seu día a día en tempos do coronavirus. Como levan o seu illamento e a vida diaria libres da COVID-19 mentres outros lugares máis poboados están sufrindo fortemente as consecuencias da pandemia.

PUBLICADA O

Pola súa extensa superficie deshabitada, o rural galego é un refuxio idóneo para aqueles que queren vivir sós. De feito, a comunidade suma un total de 1.075 aldeas cun único habitante, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), correspondentes a 2019. Para os ermitáns da Galicia baleirada o confinamento non é algo novo.
A súa vida vira ao redor da súa casa, da que só escapan para o xusto e necesario. É o caso de Manuela Fernández, Manolita para os amigos, a única moradora desde hai vinte anos da aldea de Allonca, no concello lucense da Fonsagrada.
Sitúase este núcleo nun enclave boscoso de amieiros, castiñeiros e carballos, polo que discorre a coñecida como Roteiro dos Pintores, cuxo nome deriva dos prestixiosos artistas que naceron nesta zona. “Gústame a tranquilidade, gústame vivir no mundo rural”, conta esta muller de 58 anos que coñece tamén a trasfega das grandes urbes ao residir en Barcelona. Mudouse a Allonca hai máis de tres décadas, cando xa non había veciños, pero quedou soa no 2000 ao falecer o seu marido.
A súa principal ocupación é a horta, na que ten coliflores, cenorias, pementos, tomates, coles de Bruxelas e “todo tipo de verduras”. O seu día a día “non ten nada de aburrido”, asegura, xa que hai traballo “todo o tempo”, pois tamén coida concienzudamente os prados lindeiros á súa vivenda. A rutina, a súa, non cambiou durante o enclaustramento, do que recoñece que, aínda que “as normas son iguais para todos“, nunha aldea “é diferente ás grandes cidades”, pois goza de terreos para airearse e atópase moito máis “protexida” do virus.
“Non me asusta a soidade, nin son medorenta”, afirma Manolita, que non teme permanecer nun lugar deshabitado. O que si lle gustaría é que houbese mellores infraestruturas e comunicacións, pois apunta que “internet funciona regular”, á parte de que existen algunhas “deficiencias” coa luz e “o teléfono fixo sae moi caro”. Unha paraxe montañosa tamén é o que rodea o lugar de Santoalla do Monte, no municipio ourensán de Petín, onde continúa a súa vida en solitario Margo Pool, a viúva do holandés Martin Verfondern, morto a mans do seu veciño en 2010.
Con 66 anos, Margo Pool pasa o día dedicada aos seus animais. Cans, gatos, galiñas, un cabalo e máis de trinta cabras requiren os seus coidados. Ela é a única residente de Santoalla, pero temporalmente acompáñaa un voluntario que lle axuda coa granxa. Encántalle vivir no rural, “pola contra, non viviría aquí”, admite nunha conversación con Efe. Por iso, só sae da súa aldea para ir comprar ou a facer outras xestións necesarias. Para iso vai a Petín ou ao veciño concello da Rúa, algo que lle leva “uns vinte ou vinte e cinco minutos en coche”. O lugar no que decidiu asentarse en 1997, cando chegou de Holanda co seu marido, está abandonado e as casas do medio centenar de familias que houbo outrora permanecen “en ruínas”.
“Aquí non hai problema, segue todo igual que antes”, conta sobre os efectos da pandemia na súa contorna, pois continua a súa día a día habitual sen notar o peche. “Dedícome aos animais, á horta, á casa… Aquí hai moito traballo!”, relata. Non moi lonxe de alí, a uns 50 quilómetros, atópase Juan Sánchez, máis coñecido como “Xan de Vilar” ou “o ermitán do Courel”. O seu é un caso distinto pero non menos peculiar. Foi durante anos o único habitante da aldea que dá entidade ao seu alcume, un pequeno enclave rodeado de castiñeiros centenarios no municipio lucense de Folgoso do Courel, aínda que agora ten dous veciños.
Xan de Vilar percorreu a serra do Courel en busca de antigos obxectos característicos da zona e con eles construíu na súa casa un auténtico museo etnográfico. Carros, arados, teares e outros utensilios de oficios tradicionais forman o seu legado. “Teño moitos trastes que ver nestes tempos”, indica con humor nunha charla con Efe. “Eu estiven sempre aquí, menos dezaseis meses nos que me fun a vivir á cidade da Coruña no 1964“, narra este home de 77 anos que naceu en Vilar do Courel e continúa sendo o gardián da zona.
“Antes limpaba eu toda a aldea, tíñaa ben bonita, pero agora xa non me deixan os xeonllos”, lamenta. Goza da enerxía suficiente, en cambio, para cantar e tocar a gaita. “Aquí hai instrumentos para unha banda”, sostén, xa que ten saxofones, clarinetes, trompetas, catro gaitas, un acordeón, un bombo, caixas, pandeiretas e frautas. O seu bo facer con todo o repertorio vénlle de familia, pois tivo moitos tíos músicos.
“Algo queda, hai que ter unha raza”, razoa, con retranca. O illamento social non alterou a tranquilidade da súa existencia, a pesar de que lle tocou facerse a proba do coronavirus para o estudo epidemiolóxico posto en marcha pola Xunta. “Hai cinco anos empezáronnos a secar os castiñeiros e xa dixen que detrás dos castiñeiros viña unha epidemia”, asegura Xan, “crente” de mitos populares. Fala en tales termos un septuaxenario que se dedicou durante moitos anos para podar estas árbores típicas da zona. Lonxe das aglomeracións e en permanente contacto coa natureza, Xan, Margo e Manolita continúan, sen medo á soidade, plantando cara ao éxodo rural.

ÚLTIMAS

Un motorista falece tras caer por un terraplén en Pedrafita do Cebreiro

Un motorista faleceu este venres tras precipitarse por un terraplén de 10 metros de...

PSdeG destaca 1.000 millóns en infraestruturas para Lugo

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomei, e a deputada...

Veciña de Begonte detida por furto de xoias continuado nun centro de maiores

A Garda Civil, no marco da operación Renur1, detivo a unha veciña da localidade...

A Rede Museística, referencia do Estado en educación e investigación nos museos

'Xornadas Internacionais sobre museos e educación. Experiencias para difusión do patrimonio e o cumprimento...