EFE/EP/Redacción | A Xunta de Galicia ordenou o peche cautelar da Vivenda Comunitaria Burón I e II, no concello da Fonsagrada, tras unha inspección realizada a raíz dunha denuncia por malos tratos aos usuarios do centro. Todas as persoas maiores están a ser trasladadas ao HULA para un chequeo e posteriormente serán recolocados noutras residencias ou irán á casa dalgún familiar.
Os servizos sociais do Concello da Fonsagrada remitiron onte un escrito á Fiscalía e á Xunta de Galicia para alertar sobre a existencia de supostos malos tratos neste centro, situado na Proba de Burón, despois de que unha persoa lles fixera chegar tal información a través “de material fotográfico”.
Persoal da Xunta de Galicia, acompañado da Garda Civil, realizou unha inspección in situ “durante varias horas” no día de onte. Así, puideron constatar a situación e condicións inadecuadas dos usuarios (un total de 29 nun centro con 23 prazas).
“MALOS COIDADOS”
O alcalde da localidade, Carlos López, precisou que os servizos sociais do Concello da Fonsagrada carecen de “competencias para intervir” neste caso, porque se trata dunha “residencia privada”, de modo que o Concello, despois de ver as imaxes achegadas polo denunciante, tomou a decisión de poñer o caso en coñecemento do ministerio público e da Consellería de Política Social.
“Vídeos e fotografías” cedidas por unha “persoa que prefire non dicir o seu nome” acompañaron o escrito de denuncia, segundo explica o rexedor municipal en declaracións ao Lugo Xornal. “Esta persoa comunicounos que alí se producían malos coidados. Eu non me atrevo a dicir malos tratos, pero malos coidados si”, engade, para subliñar que tal información xa fora adiantada á Xunta hai un mes.
TRASLADADOS AO HULA
O rexedor confirma, ademais, que “os residentes están pendentes de ser trasladados ao HULA para unha revisión médica” e para ser sometidos ás probas do coronavirus. Logo diso, serán recolocados en distintos centros ou pasarán á vivenda dalgún familiar.
O CENTRO NÉGAO
Pola súa banda, a directora do centro desmentiu toda a información e asegura “non saber de onde sae”. Preguntada polo Lugo Xornal, nega a inspección e descarta rotundamente que na residencia se produciran malos tratos aos usuarios da mesma.