InicioSociedadeUns cen usuarios do Servizo de Axuda no Fogar en Lugo danse...

Uns cen usuarios do Servizo de Axuda no Fogar en Lugo danse de baixa por medo a contaxiarse

Traballadoras da SAF denuncian a escaseza de medios de protección, algo que podería favorecer a transmisión do coronavirus ante os maiores, considerados grupo de risco. "Había que ir coa mesma máscara dunha casa á outra", lamentan. O Concello, pola súa parte, explicou que mercara material para as empregadas, malia que este é un servizo externalizado.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE.-  Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Lugo aseguran que un centenar de usuarios, dun total de seiscentos, se deron de baixa de forma voluntaria nos últimos días por medo a que as persoas que se ocupan da súa asistencia poidan transmitirlles o coronavirus.

Unha desas traballadoras precisou a EFE que os usuarios son conscientes de que elas son “das poucas persoas que veñen da rúa” e que “entran logo nas súas casas”, de modo que teñen medo de que sexan un potencial foco de transmisión do coronavirus. Máis aínda porque se decatan de que as asistentas “carecen dos medios” de protección adecuados.

“Eles son o principal grupo de risco e nós podemos ser un foco de transmisión estupendo se non traballamos cos medios adecuados”, explicou, polo que á vista das circunstancias “prefiren non arriscarse”.

“HABÍA QUE IR COA MESMA MÁSCARA DUNHA CASA A OUTRA”

Outra traballadora denunciou, precisamente, a escaseza de medios coa que traballaron nos últimos días, dado que “cando comezou esta situación, o estado de alarma, déusenos unha máscara a cada traballador, unha caixa de luvas e dous dedos de xel hidroalcólico, nin sequera batas”.  “Había que ir coa mesma máscara dunha casa a outra”, lamentou.

Agora, segundo explicaron ambas, están a ser repartidas “3.000 batas”, pero lembran que aínda quedan 500 usuarios e un total de 170 traballadoras, polo que “botando contas”, chegarán para moi poucos días.

O CONCELLO MERCOU BATAS

Pola súa banda, a edila de Benestar Social, Olga López, lembrou que o Servizo de Axuda no Fogar é un “servizo externalizado, que corre a cargo da empresa licitadora”, responsable de “facilitar todos aqueles equipos que as traballadoras poidan necesitar”.

“É certo que vivimos unha situación conxuntural moi complexa, na que é moi difícil conseguir equipos de protección adecuados, como todos desexariamos. Mesmo para a mesma empresa, porque así me consta”, subliñou.

En todo caso, asegurou que o Concello de Lugo comprou as batas dispoñibles no mercado “para protexer os usuarios e as traballadoras”.  “Dispoñen de varias batas. Poden deixar unha bata en cada domicilio. Desde o Concello de Lugo o que queremos trasladarlles aos usuarios é que imos poñer todo aquilo que estea na nosa man, sexa ou non responsabilidade nosa, para garantir a súa saúde e, por suposto, das traballadoras”, concluíu Olga López.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...