Ola, Ana, que pracer conversar contigo para o Lugo Xornal. Xa sabes que tiña moitas ganas de preguntarche pola túa visión sobre o turismo na cidade e na provincia de Lugo. Como ves a situación actual e como che gustaría que fose o futuro do sector no noso territorio?
En canto á miña visión sobre o turismo na provincia e no concello de Lugo, gustaríame destacar a influencia que está a ter a crise climática nesta actividade económica, posto que moitas persoas que tradicionalmente realizaban as súas vacacións no sur da península Ibérica, nestes momentos están a trasladar o seu destino vacacional cara á costa cantábrica polo notable incremento de temperaturas que se está percibindo nesas zonas.
Gustaríame tamén destacar a marabillosa riqueza natural, histórica e arqueolóxica que teñen a provincia e a cidade de Lugo, o que nos convirte nun destino que está en auxe e que podemos percibir simplemente mirando pola xanela desde a sede da UNED de Lugo, co privilexio de estar situados na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
“A crise climática está influíndo moito no turismo, moitas persoas están trasladando os seus destinos vacacionais”
Penso que esta é unha boa oportunidade para falarlle á xente do Grao en Turismo da UNED de Lugo, a única formación universitaria de Turismo que temos na provincia. Que razón lle darías para matricularse neste grao a unha persoa que estea dubidando se facelo?
Gustaríame destacar a importancia que está a cobrar esta titulación da Facultade de Económicas e Empresariais da UNED, posto que está en consonancia co incremento da actividade turística na nosa provincia e no noso concello.
Quero destacar a contribución que quere facer a UNED a que esta actividade económica se desenvolva dun modo sostible e promovendo o desenvolvemento territorial provincial. A UNED leva a cabo o proxecto #LugoNaturalMente, que se basea na loita contra a crise climática, a posta en valor do patrimonio natural da provincia, e a aliñación da súa actividade coa Axenda 2030 da ONU. Ten moito que achegar neste ámbito ao sector turístico.
“O proxecto #lugonaturalmente baséase na loita contra a crise climática, a posta en valor do patrimonio natural da provincia, e a aliñación da súa actividade coa Axenda 2030 da ONU”
Ti que levas tantos anos na UNED, como valoras a importancia da institución na cidade e na provincia?
A UNED leva funcionando na nosa cidade durante os últimos 15 anos e é unha entidade neste momento consolidada e recoñecida. Hai que destacar tamén a presenza de aulas universitarias da UNED na Mariña, concretamente en Foz e en Viveiro, e no sur da provincia no Concello de Monforte. Isto vai unido tamén á existencia dunha aula da UNED Sénior no Concello de Sarria.
Desde o meu punto de vista a UNED achega a estes territorios valor e proximidade. O poder levar o ensino universitario a estes puntos da provincia é moi positivo e está moi valorado pola cidadanía que se beneficia de educación universitaria de calidade e do desenvolvemento cultural e territorial que promoven as aulas e centros da UNED. Máis aínda, a UNED ten un claro compromiso social, desde a súa creación, co que levamos moi implicados desde a implantación do centro na cidade de Lugo no ano 2008.
Doutra banda, a sociedade lucense acolleu moi ben as achegas da nosa universidade e estamos a traballar, tamén, a través de diferentes proxectos dunha maneira responsable e comprometida co territorio. Quero destacar o proxecto #LugoNaturalMente que nos deu moitísimas satisfaccións ao longo destes últimos 5 anos nos que se desenvolveu. Doutra banda, gustaríame destacar a colaboración coa sociedade civil e con moitas institucións. Cando digo diferentes institucións, estou a falar non só de Deputación, Concello, Xunta de Galicia e Subdelegación do Goberno, refírome tamén ao Corpo Nacional de Policía, á Subdelegación de Defensa, a Garda Civil, Institucións Penais, ou os xulgados de Lugo. A verdade é que estamos moi agradecidas porque a acollida das propostas de colaboración foron sempre moi ben recibidas por todas as institucións implicadas.
“Desde o meu punto de vista a UNED achega a estes territorios valor e proximidade”
Que eventos hai previstos para o XV aniversario da UNED de Lugo?
Para a celebración do 15 aniversario da UNED de Lugo o que pretendemos é facer unha revisión da nosa traxectoria de compromiso social a través dun proxecto que cremos fundamental neste momento. Neste proxecto ímonos centrar en 5 desafíos fundamentais para a sociedade. En canto á celebración do XV aniversario quero destacar o acto de inauguración no que se fixo un percorrido pola traxectoria desta Universidade e ademais que se iniciou cunha conferencia de Alfonso Riveiro, director do do Progreso, sobre xornalismo porque, precisamente, o xornalismo foi a temática que se tratou no primeiro curso de Extensión Universitaria celebrado na UNED de Lugo.
“Para a celebración do 15 aniversario da UNED de Lugo o que pretendemos é facer unha revisión da nosa traxectoria de compromiso social a través dun proxecto que cremos fundamental neste momento”
Que podes contarme do proxecto #UNEDFutura?
A UNED de Lugo, con motivo do seu XV aniversario, dará resposta aos grandes desafíos da sociedade no novo programa #UNEDFutura.
UNEDFutura constitúe unha revisión da traxectoria de compromiso social da UNED de Lugo ao longo dos seus quince anos de existencia que dará resposta ao signo dos tempos e que se desenvolverá ao longo do curso 23-24.
A UNED de Lugo desenvolverá ao longo do curso 23-24 un programa social que buscará resposta ao signo dos tempos nos que estamos e que inflúen no día a día das sociedades contemporáneas: Emerxencia Climática, Feminismo, Modelo Territoral, Disrupción Tecnolóxica, Multilateralismo e Paz Mundial…
Este programa aliñarase cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU.
Todas as áreas do proxecto estarán coordinadas por un comité técnico integrado por profesionais de recoñecido prestixio e contarán coa mentoría dunha figura relevante a nivel nacional/internacional do campo de coñecemento.
Cada área do proxecto estará aliñada cunha ou máis efemérides do calendario anual.
“A UNED de Lugo desenvolverá ao longo do curso 23-24 un programa social que buscará dar resposta ao signo dos tempos nos que estamos”
Por último, cales cres que son os retos máis importantes para a cidade e na provincia nos vindeiros anos? E como cres que a UNED pode axudar neles?
A UNED de Lugo colaborará e implicarase cos retos da provincia e da nosa cidade. Desde o primeiro momento, estamos desexosas de traballar na mellora da situación da nosa provincia e de Lugo cidade e de dar resposta a aqueles grandes desafíos aos que imos ter que enfrontarnos. Cando falo de grandes desafíos, algúns deles, xa os mencionei, pois son o obxecto de estudo do proxecto #UNEDFutura, refírome á crise climática creo que é o problema máis grave ao que terá que enfrontarse a humanidade. A UNED de Lugo sempre ten e vai ter unha man tendida para colaborar en favor do benestar da cidadanía e aceptará o desafío de propor solucións aos grandes retos aos que se enfrontará a nosa provincia.