O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cumpriron co seu compromiso de ter rematadas e a disposición da veciñanza neste verán as obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, unhas actuacións impulsadas polo Concello e financiadas integramente pola institución provincial cun investimento de 1 millón de euros.
A actuación transformou a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo na súa parte norte, onde se concentra ademais unha gran actividade comercial e que comunica coa zona industrial do Ceao. “Houbo unha transformación estética que é evidente, pero, sobre todo, conseguimos que os condutores, os ciclistas e os viandantes circulen con máis seguridade e con máis comodidade“, destacou o Presidente da Deputación de Lugo.
Este proxecto permitiu que o treito da Avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N teña entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido.
O compromiso da Deputación de Lugo coa mobilidade tradúcese nun esforzo económico moi importante, pois a institución lucense dedica a este eido un terzo do seu orzamento total, é dicir, en torno a 30 millóns de euros ao ano, para actuacións que se desenvolven de maneira directa ou en colaboración con outras administracións, como neste o caso co Concello de Lugo.
Cara un municipio máis verde, sostible e integrador
Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou que o remate das obras supón o remate a un arduo e complexo proceso que implicou a tramitación, por parte do Concello, da expropiación de 33 parcelas e a ocupación temporal doutras 32 e, polo tanto, a intermediación con 65 propietarios, cos que se chegou a acordos.
Neste senso, a rexedora destacou que grazas á colaboración entre a Deputación e a administración local fíxose posible este proxecto, moi importante para a veciñanza de Lugo, pois permitiu mellorar de maneira substancial a seguridade viaria e a accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas, transformando unha das arterias de comunicación máis importantes da cidade.
Glorieta Paulo Fabio Máximo – Glorieta 25N
A parte da vía entre as glorietas Paula Fabio Máximo e 25N xa estaba completamente urbanizada e contaba con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións coas que se dotou o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. O obxectivo do proxecto neste caso foi darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo.
Carril bici
O novo trazado do carril bici permite conectar coa parcela na que se sitúa o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico, que impulsa o Concello de Lugo con fondos europeos e coa colaboración da Deputación de Lugo.
Ademais das actuacións urbanísticas, o proxecto incluíu os servizos de saneamento e abastecemento: a dotación no tramo Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo e o reforzo das canalizacións existentes no de Paulo Fabio Máximo Glorieta 25N.