O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Goberno central que dea a coñecer as conclusións do estudo de viabilidade para mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela e concrete o calendario previsto para converter en realidade esta infraestrutura. Así o sinalou o BNG nun comunicado, no que indicou que Rego rexistrou iniciativas na cámara baixa en relación con este asunto. O BNG lembrou que o Goberno central adxudicou en marzo de 2025 o contrato para a redacción do estudo, cun prazo de execución de 18 meses.
“A conexión ferroviaria directa entre Lugo e Santiago é unha actuación fundamental para acabar coa discriminación histórica que sofre Lugo en materia ferroviaria“, sinalou, ao tempo que lembrou que esta infraestrutura forma parte dos compromisos do acordo de investidura. Por iso, pediu ao Executivo central que informe do estado actual do proxecto, faga públicas as conclusións do estudo e concrete os seguintes pasos administrativos e técnicos necesarios para facer realidade a conexión.
Así mesmo, Rego destacou que unha conexión directa entre Lugo e Compostela permitiría “mellorar substancialmente” as comunicacións da cidade e da provincia coa capital galega, ao facilitar os desprazamentos por motivos laborais, educativos, administrativos e culturais.
