Os deputados do Partido Popular de Lugo no Congreso, Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades, rexistraron varias iniciativas parlamentarias para reclamar ao Goberno central información sobre a situación das obras nas estacións ferroviarias de Lugo, Sarria e Monforte de Lemos.
As actuacións forman parte do proceso de modernización do corredor Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, unha infraestrutura que os populares consideran relevante para mellorar tanto a mobilidade como as conexións económicas da provincia.
O principal asunto sobre o que o PP reclama explicacións é a situación administrativa das tres estacións. Segundo sosteñen os deputados lucenses, ningunha delas foi recibida aínda formalmente por Adif, pese a que previamente se comunicaron avances, finalizacións ou entradas en servizo das distintas actuacións.
As iniciativas presentadas no Congreso buscan coñecer que deficiencias están pendentes de solucionar, cales son os prazos previstos para completar os traballos e que sistemas de supervisión empregou Adif durante a execución das obras.
Os populares tamén preguntan ao Executivo central se prevé analizar posibles responsabilidades polos incumprimentos que denuncian e polas diferenzas entre os anuncios realizados sobre o estado das actuacións e a situación que, segundo aseguran, presentan actualmente as instalacións.
SITUACIÓN DIFERENTE NAS TRES ESTACIÓNS
Francisco Conde puxo o foco nas circunstancias concretas de cada unha das estacións. Sobre a terminal da capital provincial, afirmou que “a estación de Lugo segue pechada a pesar dos anuncios do propio ministro de Transportes, Óscar Puente”.
No caso de Sarria, o deputado popular asegura que as instalacións están operativas mediante un sistema automatizado aínda que as obras non terían sido recibidas formalmente. Respecto de Monforte de Lemos, sinalou a existencia de problemas relacionados cos ascensores, a iluminación e os accesos.
Para Conde, esta situación “pon de manifesto unha xestión deficiente no cumprimento dos prazos e na calidade da execución das obras por parte de Adif”.
As preguntas rexistradas polos representantes do PP pretenden, deste xeito, obter información específica sobre o calendario que manexa o Ministerio de Transportes para dar por concluídas as actuacións e sobre as medidas previstas para corrixir os problemas detectados antes da recepción definitiva das infraestruturas.
O PP RECLAMA TAMÉN AVANCES NA CONTORNA DA ESTACIÓN DE LUGO
Os deputados populares vinculan ademais a situación da estación de Lugo con outras intervencións ferroviarias e urbanísticas pendentes na cidade.
Neste sentido, lembran que a alcaldesa lucense, Elena Candia, solicitou unha reunión co presidente de Adif para abordar o desenvolvemento de varios proxectos relacionados coa integración ferroviaria na capital.
Entre eles figuran a propia nova estación e a súa conexión coa contorna urbana, así como a urbanización de Conde Fontao, que segundo o PP tampouco foi recibida por Adif e continúa pechada ao tráfico.
A formación tamén reclama información sobre o paso urbano peonil baixo as vías e sobre a futura conexión ferroviaria coa zona alta da cidade.
As actuacións nas tres estacións forman parte do conxunto de obras destinadas a renovar o eixo ferroviario que comunica Ourense, Monforte e Lugo, no que nos últimos anos se realizaron intervencións tanto nas infraestruturas das vías como nas estacións e nos seus servizos asociados.
