Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten que “o Goberno de Sánchez segue sen ter data para poñer en funcionamento a Unidade de Prevención e Reacción (UPR) en Lugo” como tiña anunciado o director xeral da Policía Nacional en outubro do 2024.
“O Goberno de Sánchez leva ano e medio incumprindo o seu propio compromiso coa Comisaría da Policía Nacional en Lugo”, segundo subliña José Manuel Barreiro. De feito, o propio Executivo recoñece na súa resposta oficial o anuncio do director xeral sobre a elaboración dun plan a 5 anos para ampliar o número de grupos operativos das UPR coa finalidade de mellorar a seguridade cidadá e que, nunha primeira fase, se prevía a creación de novos grupos UPR en varias comisarías, entre elas, a de Lugo.
Os senadores populares tamén se interesaron por coñecer os pasos pendentes e o estado das autorizacións administrativas e a dispoñibilidade orzamentaria precisa sen que o Goberno; ante o que o Goberno asegura ter creado 30 novos postos no Catálogo de Postos de Traballo para poder levar a cabo a nova UPR na Comisaría Provincial de Lugo, “pero sen concretar a data para a súa posta en servizo”. Nese sentido, “poñen como escusa da súa tardanza a necesidade de actuacións previas en materia de persoal e formación especializada”.
Os populares inciden en condenar a “discriminación a Lugo e á provincia por parte do Goberno de Sánchez” e reclaman “o que é de xustiza para o noso territorio que, nestes momentos, non dispón desta unidade para reforzar a seguridade cidadá. Non queremos ser máis, pero tampouco queremos ser menos que ninguén”.
NOVA COMISARÍA EN LUGO
Barreiro engade tamén que “agora coñecemos que se vai a incluír dentro dos Plans do Ministerio a construción da nova Comisaría de Policía de Lugo que levamos anos reclamando dende o Partido Popular por tratarse dunha infraestrutura fundamental para o desenvolvemento do traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e, neste caso concreto, da Policía Nacional”.
Pero lamenta que “o Goberno de Sánchez volva a establecer prazos moi longos para Lugo e a provincia” toda vez que “asegura que será nun horizonte temporal de 5 anos”.
ARRANXO NA LU-P-1602
Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen á Deputación o arranxo inmediato dunha ponte na estrada provincial .LU-P-1602, na parroquia de Roméan, que presenta varias deficiencias que “senón se corrixen poderían empeorar e poñer en risco a estabilidade da ponte”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, xunto á concelleira Flor Rubinos e veciños desta parroquia, revisaron o estado desta ponte.
Antonio Ameijide destaca que a situación da ponte require “unha actuación inmediata” para evitar que se produza calquera desgraza e recorda como “xa temos na provincia outros exemplos de danos en pontes que non se atenderon a tempo e remataron coa caída da infraestrutura, como sucedeu en Navia”.
Ademais, Antonio Ameijide incide na necesidade de renovar o firme da estrada que, a pesar de que no ano 2025 xa se levou a cabo unha renovación do firme, esta actuación limitouse unicamente á parte que discorre polo concello de O Corgo, quedando outros treitos da vía nun estado deficiente.
Por este motivo, considérase necesario acometer unha renovación integral do firme ao longo de toda a estrada, así como proceder á limpeza das cunetas, co fin de garantir a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación.
