InicioPolíticaA Deputación de Lugo pide á Xunta reformular o anteproxecto de lei...

A Deputación de Lugo pide á Xunta reformular o anteproxecto de lei de administración local

O Goberno provincial sacou adiante unha proposta para que se retire ou reformule o documento antes da súa tramitación parlamentaria, e que recolle as 20 alegacións que a institución provincial rexistrou para modificar a proposta

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes unha proposta de Goberno en defensa da autonomía e do financiamento dos concellos e das deputacións galegas fronte ao Anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia (ALALG). Unha proposta de Goberno que saíu adiante cos votos a favor de PSdeG e BNG e que contou cos votos en contra do PPdeG.

Si que podemos coller máis competencias, pero teñen que ser financiadas”, afirmou a Presidenta da Deputación, Carmela López, antes do inicio da sesión, incidindo en que o actual texto non acompaña as novas obrigas de partidas orzamentarias.

O Deputado Pablo Rivera Capón foi o encargado de defender unha postura que, segundo sinalou, non entra en “matices técnicos”, senón en cuestións de fondo: “quen decide, quen paga e quen responde cando a veciñanza chama á porta dun concello ou da propia Deputación”. Nese sentido, pídese que se retire ou reformule substancialmente o documento antes da súa tramitación parlamentaria.

Rivera Capón recoñeceu que a actualización dunha lei vixente desde 1997 é necesaria, pero advertiu de que non pode facerse a costa de debilitar a autonomía local nin de trasladar novas obrigas ás entidades locais sen os recursos correspondentes. “Tal e como está formulado, o anteproxecto non fortalece o municipalismo: tutela, recentraliza e traslada responsabilidades sen garantir financiamento”, afirmou.

O Goberno provincial puxo especial énfase nas deficiencias do proceso de elaboración da norma. Segundo expuxo o deputado, o texto “nace mal tramitado” ao non contar coa participación efectiva de concellos e deputacións, e ao non cumprir coa consulta pública previa establecida no artigo 133.1 da Lei 39/2015.

A isto súmase, segundo denunciou, a ausencia de memorias económicas, un elemento que considerou imprescindible para avaliar o impacto real da lei: “é fundamental saber canto custa o que se anuncia e quen vai asumir a factura”. Neste sentido, advertiu de que a asignación de competencias sen financiamento suficiente acaba por converter a autonomía local en “papel mollado”.

Defensa do modelo territorial e dos concellos pequenos

Outro dos eixos centrais das alegacións presentadas pola Deputación de Lugo ten que ver coa protección do modelo territorial galego. A institución provincial mostrou a súa preocupación por un texto que elimina referencias a figuras propias como parroquias e comarcas, ao tempo que introduce un marco competencial pouco definido.

Rivera Capón advertiu de que esta indefinición pode ter consecuencias especialmente negativas para os concellos máis pequenos, ao abrir a porta a delegacións que limiten a súa capacidade real de decisión e xestión. Ademais, alertou de posibles procesos de reorganización territorial sen garantías democráticas suficientes.

Neste contexto, a Deputación reclamou o respecto á Carta Europea de Autonomía Local e insistiu en que calquera proceso de fusión municipal debe contar coa participación activa da cidadanía.

Críticas ao financiamento e ao Fondo de Cooperación Local

O financiamento foi outro dos puntos máis criticados. O deputado subliñou que non se pode falar de eficiencia se esta se traduce en “máis obrigas e a mesma carteira”.

En relación co Fondo de Cooperación Local, denunciou que a súa suposta natureza “incondicionada” queda en cuestión coa creación de subfondos que, na práctica, condicionan o acceso aos recursos. “É un xogo de palabras que reduce a marxe real de decisión das entidades locais e dificulta a planificación, ao depender cada ano dos orzamentos”, explicou.

20 alegacións e vontade de diálogo institucional

A Deputación de Lugo presentou un total de 20 alegacións ao texto, que foron aprobadas no Pleno e que buscan introducir cambios substanciais na futura norma.

O Goberno provincial reiterou a súa disposición ao diálogo institucional e lembrou que esta posición xa foi trasladada pola Presidenta ao presidente da Xunta, nun encontro no que se puxo de manifesto o ton construtivo da proposta. Así mesmo, avanzou que este proceso terá continuidade nunha reunión bilateral Xunta–Deputación, na que se abordarán as alegacións “punto por punto”. O obxectivo, segundo indicaron, é lograr unha reforma útil e equilibrada antes da súa tramitación parlamentaria.

A Deputación insistiu en que non se trata de bloquear unha reforma necesaria, senón de evitar unha mala reforma: unha que amplíe obrigas sen financiamento, introduza mecanismos de tutela, altere o modelo territorial e abra a porta a decisións estruturais sen garantías.

Non á guerra

O Pleno tamén aprobou a moción presentada polo grupo socialista en contra da guerra, defendida polo deputado Xosé María Arias. A iniciativa expresa o rexeitamento da Deputación a calquera conflito bélico e reafirma o compromiso coa paz, o diálogo e a cooperación entre pobos como únicas vías para a resolución de conflitos.

A proposta, que saíu adiante cos votos de PSdeG e BNG, e que contou coa abstención do PPdeG, recolle os seguintes puntos de acordo: reclamar aos Estados Unidos, a Israel e a Irán o cesamento inmediato das hostilidades antes de que o conflito alcance dimensións aínda máis graves; repudiar o réxime de Irán pola represión e pola vulneración dos dereitos fundamentais da súa cidadanía, especialmente das mulleres; defender que única saída do conflito ten que ser a diplomática e política; expresar a solidariedade do pobo galego coas vítimas civís e con todas as persoas que están sufrindo as consecuencias de violencia e apoiar a posición do Goberno de España neste sentido.

+ posts

ÚLTIMAS

Senadores do PP estudarán demandas do sector da repartición pola alza de prezos dos combustibles

Os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano,...

A Deputación repartirá 25,5 millóns entre os 67 concellos tras aprobar esta iniciativa no Pleno por unanimidade

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a relación de...

Un ferido nun choque entre dous vehículos na Pastoriza

Un condutor resultou ferido nun accidente rexistrado este luns na estrada LU-122 no municipio...

O Pleno da Deputación aproba unha nova ordenanza para as residencias provinciais

O Pleno da Deputación acordou este martes aprobar a nova ordenanza que regula o...