O PSdeG advertiu este xoves do progresivo empeoramento da atención primaria na provincia de Lugo, unha situación que atribúe a anos de “recortes e á ausencia” dunha estratexia eficaz por parte do Goberno galego.
A denuncia realizouse nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do partido, coa participación da secretaria de Organización, Lara Méndez; a portavoz na Deputación, Pilar García Porto; e os alcaldes de Xermade e Ribeira de Piquín, Roberto García Pernas e Roberto Fernández Rico.
Durante a súa intervención, Méndez enmarcou a situación nun problema estrutural do sistema sanitario galego, sinalando que os datos reflicten un empeoramento sostido nos últimos anos. Segundo indicou, o aumento das listas de espera e a dificultade para acceder a consultas ou probas diagnósticas evidencian “unha xestión deficiente”.
Neste sentido, advertiu de que os atrasos poden ter consecuencias graves para os pacientes, especialmente cando se prolongan durante meses. “Galicia está á cola da atención primaria e ten as peores listas de espera da década”, destacou.
A dirixente socialista tamén subliñou o crecente malestar social en torno ao funcionamento da sanidade pública, apuntando a un aumento significativo da insatisfacción cidadá na última década.
Ao seu xuízo, non se trata dun problema puntual, senón dunha tendencia continuada que está a debilitar o sistema. Asegura que preto de 400.000 persoas están en listas de espera, cun incremento de 20.000 en seis meses.
Pola súa banda, García Porto puxo o foco no impacto territorial desta situación, especialmente no medio rural, onde –segundo explicou– a falta de profesionais está a xerar importantes desigualdades no acceso á atención sanitaria.
Denunciou a existencia de prazas sen cubrir, así como a ausencia de substitucións ante xubilacións ou baixas, o que está a deixar a algúns municipios nunha situación crítica.
A portavoz provincial citou exemplos concretos de concellos onde a atención médica reduciuse de forma notable nos últimos anos, provocando desprazamentos innecesarios, sobrecarga noutros centros e dificultades para garantir un servizo adecuado.
Referiuse a tres casos, Bóveda, onde dous centros dependen dun único profesional; Pantón, con prazas sen cubrir, ou Cervantes, que pasou de ter tres médicos a ter un. Ao seu entender, esta realidade non só afecta á calidade asistencial, senón tamén á cohesión territorial e ao futuro do rural lucense.
Na mesma liña, os alcaldes presentes trasladaron a problemática que viven os seus municipios. O rexedor de Ribeira de Piquín denunciou a redución da cobertura médica na última década e criticou a falta de resposta ante profesionais dispostos a ocupar prazas vacantes.
O alcalde de Xermade explicou que a escaseza de facultativos obriga en ocasións a deixar o centro de saúde sen atención ante urxencias ou visitas domiciliarias.
Os representantes socialistas coincidiron en reclamar medidas urxentes á Xunta para reforzar a atención primaria, cubrir as vacantes existentes e garantir un acceso equitativo á sanidade pública en toda a provincia, con especial atención ás zonas rurais.
