Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo –José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten que “o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible do Goberno de Sánchez non ten data para a posta en marcha da electrificación da liña ferroviaria entre Lugo e Monforte”.
Así o confirma o Goberno de España en resposta oficial ás preguntas formuladas polos representantes do PP lucense no Senado sobre a posta en servizo do tramo electrificado entre a cidade de Lugo e a de Monforte de Lemos: “as obras de electrificación do tramo Monforte de Lemos – Lugo, pertencente ao corredor Ourense – Monforte-Lugo, atópanse en execución e non se dispón de data oficial de posta en servizo”.
Os senadores temen que “non se poña en marcha porque pertence á liña Monforte-Lugo-A Coruña e o tramo Lugo – A Coruña está sen electrificar -e sen ningún compromiso nin calendario- e por el continuarán a circular trens diésel”, como confirmaba tamén o Goberno recentemente: “ao tratarse dunha liña de ancho ibérico que actualmente non se atopa electrificada, os trens que operan pertencen ao servizo de Media Distancia Convencional e circulan con material rodante da serie 594, tamén coñecido como TRD (Tren Rexional Diésel)”.
Os populares advirten que “o Goberno de Sánchez presume de investimento millonario tras gastar 625M€, pero pola liña van seguir circulando os mesmos trens que ata o de agora: trens diésel do século pasado”.
Deste xeito, a provincia de Lugo “continuará atrás, sen un servizo moderno e competitivo, esquecida no mapa ferroviario”, debido á “discriminación do Goberno de Sánchez en materia de infraestruturas e comunicacións”.
“Lugo continúa á cola e sen servizos equiparables a outras zonas de Galicia ou España”, apuntan. Incluso disporá dunha nova intermodal, pero con material rodante doutro século e escasos servizos”, engaden.
Precisamente en relación ao anuncio do presidente de Renfe sobre o adianto na hora da saída dun dos trens entre Lugo e Madrid, os senadores sinalan que “é tan raquítico para os lucenses que non merece valoración”.
CAMBIO DE HORA, NON INCREMENTO DE FRECUENCIAS
A presidenta provincial e voceira municipal, Elena Candia, asegura que “permite estar máis cedo na capital de España”, pero advirte: “que é cambiar de hora un servizo xa existente que se suprime -o das once da mañá-; non incrementar frecuencias entre Lugo e a capital de España. Que non nos enganen”.
A popular incide en que “Lugo continúa sen ter o que lle corresponde” porque “só dispón de tres frecuencias de ida e as mesmas de volta en horarios que seguen sendo insuficientes”, mentres que outras cidades do entorno dispoñen de máis frecuencias e servizos competitivos.
Candia reivindica “máis frecuencias para Lugo” sen esquecer que “non podemos renunciar á alta velocidade”. A ese respecto, lembra que “Sánchez rexeitou a construción das variantes ferroviarias presentadas polo Goberno do Partido Popular no 2018 que permitirían reducir o tempo da viaxe entre Lugo e Ourense e, polo tanto, viaxar a Madrid nun tempo competitivo”.
