PILAR GARCÍA PORTO
A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, respondeu ás declaracións realizadas polo portavoz provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, nas que cuestionaba a súa presenza na presentación da Volta a España Feminina celebrada en Ribeira. A rexedora considera que as afirmacións do popular responden a “un intento de manipulación e de xerar unha polémica inexistente”.
García Porto explicou que a súa asistencia ao acto produciuse exclusivamente en representación do Concello de Antas de Ulla, municipio que será meta dunha das etapas da Volta a España feminina. “Estiven presente como alcaldesa dun concello que vai acoller o final dunha etapa da carreira, algo que é motivo de orgullo e unha gran oportunidade para promocionar Antas de Ulla”, sinalou.
A alcaldesa considera que as declaracións de Ameijide só poden responder a dúas posibilidades: “Ou ben descoñece como funcionan as representacións institucionais nun acto deste tipo, ou ben sabe perfectamente que o que di non é certo e intenta crear unha polémica artificial”.
