InicioPolíticaO Concello defende a licitación da xestión do Vello Cárcere e acusa...

O Concello defende a licitación da xestión do Vello Cárcere e acusa ao PP de “mentir e manipular”

Iso tras as críticas do Partido Popular nas que lles acusaba de optar por licitar o contrato da xestión do centro "a pesar dos informes desfavorables de Intervención e dos riscos de sustentabilidade económica".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O secretario de Estado, Fernando Martínez, mostrou a súa satisfacción polo resultado do proceso de rehabilitación das instalacións do Vello Cárcere, en Lugo, e defendeu a idoneidade do centro para ser Lugar de Memoria Democrática, “xa que reúne todas as condicións para iso”. Así o fixo na tarde deste mércores durante a súa visita ás instalacións das que o Concello presentou a súa candidatura para que poidan recibir dita distinción.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o recentemente incorporado concelleiro Mauricio Repetto serviron de mestres de cerimonias na visita guiada polas instalacións do antigo penal, actualmente reconvertido en centro social e cultural aberto e tamén expositivo da historia recente. Ademais, o secretario de Estado defendeu que estudará detidamente a documentación proporcionada polo Concello de Lugo de cara a obter esta distinción para poder ofrecer unha solución nun prazo medio dun ano, aínda que considera “positivo” todo o traballo feito ata agora.

O proceso, que se iniciou coa entrega da documentación, completarase coa publicación da proposta (se esta é aprobada) e a apertura dun tempo para alegacións. De non existir ningunha farase efectiva a distinción. Durante a visita, na que estiveron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a comisionada para os 50 anos de España en Liberdade, Carmina Bustrán; o secretario de Estado puxo en valor a historia do edificio, que foi concibido como cárcere modelo, ao ser a primeira que utilizou celas individuais e tivo servizo de escola, pero que acabou albergando numerosos presos políticos na época da guerra e a posterior ditadura.

“É un auténtico memorial a todos aqueles que estiveron aquí retidos polas súas ideas e é fundamental para visibilizalos, accións como a cela na que están os nomes de todos os presos. Iso achega a memoria, en especial aos máis novos, que son os que teñen que coñecer o que pasou para que non volva repetirse”, explicou Fernando Martínez. Este recoñecemento suporía para o Concello de Lugo apoio económico e técnico para continuar cos labores de divulgación o pasado histórico deste centro, ademais de poder acoller as exposicións que ten o departamento de Memoria Democrática do Estado e que percorren toda a península.

O CONCELLO DE LUGO DEFENDE A SÚA XESTIÓN TRAS AS CRÍTICAS DO PP

Concello de Lugo, a través da concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, defendeu a xestión realizada no Vello Cárcere tras as críticas do Partido Popular nas que lles acusaba de optar por licitar o contrato da xestión do centro “a pesar dos informes desfavorables de Intervención e dos riscos de sustentabilidade económica”. Ferreiro defendeu esta decisión para facer fronte á ampliación de horarios na biblioteca, o espazo didáctico e a área de lecer do Vello Cárcere. Todo iso, “co obxectivo de responder á crecente demanda das persoas usuarias e reforzar a programación cultural desta instalación singular”.

Tamén subliñou que a ampliación do servizo non só busca reforzar a oferta cultural do Vello Cárcere, “senón tamén dignificar as condicións de quen traballan nel, garantindo estabilidade, dereitos laborais e unha programación á altura dun espazo que se converteu en referencia cultural en Lugo”. Sinala a concelleira que, segundo o estudo de custos elaborado para o novo contrato, “o incremento orzamentario débese a factores directamente relacionados coa mellora das condicións laborais do persoal”.

Entre eles, continuou, inclúense a actualización das táboas salariais conforme ao IV Convenio Colectivo Autonómico de Eventos, Servizos e Producións Culturais (publicado no DOG o 29 de novembro de 2023), a incorporación de porcentaxes específicas para absentismo (7,78 %), gastos xerais (8 %) e beneficio industrial (6 %) –que no contrato anterior estimábanse nun único 7 %–, así como a cobertura de substitucións durante períodos de vacacións.

En relación coa subrogación do persoal, o Concello lembra que a Lei de Contratos xa contempla este mecanismo, e que queda garantido na cláusula 16.4 do prego de cláusulas administrativas, que recolle a obriga de manter os dereitos e deberes das traballadoras e traballadores do servizo actual. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, respondeu as críticas do PP, reclamando “que deixe de mentir e de manipular”. A edil defendeu que o goberno local preferiría contar con persoal municipal para a xestión do Vello Cárcere, pero lembrou que “foi o PP quen impediu aumentar a taxa de reposición”. Neste sentido, engadiu que “o ministro Montoro obrigou aos concellos a non contratar persoal para que o Estado puidese aforrar, e agora vemos nos medios como se repartiu ese suposto aforro”.

O PENAL

Inaugurada a finais do século XIX, a antiga prisión foi escenario da represión durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Entre os seus muros estiveron encarceradas numerosas persoas por motivos políticos, como o doutor Rafael de Vega, e moitas delas condenadas a longas penas ou mesmo á morte, como lle pasou a esta figura histórica, que foi fusilado preto do penal. Convertida en símbolo de represión e silencio, o cárcere forma parte da memoria colectiva de Lugo e de Galicia. Tras un proceso de rehabilitación impulsado polo Concello, o edificio recuperou o seu valor patrimonial e arquitectónico e actualmente funciona como centro cultural aberto á cidadanía, acollendo exposicións, actividades sociais e programas de divulgación que, como explica o ente municipal, “fomentan a reflexión crítica sobre o pasado e a defensa da democracia”.

ÚLTIMAS

Lugo impulsa o mantemento da Muralla no 25 aniversario do seu Patrimonio da Humanidade

O Concello de Lugo aprobou na súa xunta de Goberno a licenza que permitirá...

A Garda Civil salva a unha muller desorientada na A-8 en Mondoñedo

A Garda Civil auxiliou a unha persoa que camiñaba desorientada pola noite pola autovía...

Polémica pola licitación do contrato do Vello Cárcere a pesar dos informes de intervención

O Partido Popular de Lugo, con Elena Candia á cabeza, criticou a decisión do...

Urbanismo volve frear a ampliación da Protectora de Muxa por incumprir a Lei do Chan

A área de Urbanismo do Concello de Lugo volverá emitir un informe desfavorable sobre...