Os senadores do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, acusaron ao ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, de “mentir a todos os lucenses sobre os servizos ferroviarios da provincia”. Así o sinalaron nun comunicado, no que aseguran que “o Goberno de Sánchez non di nada sobre as lanzadeiras de Lugo co AVE a Ourense anunciadas polo ministro” nas respostas ás preguntas formuladas polo PP no Senado. O PP asegura que “tampouco aclara cal é a redución no tempo de viaxe despois dun investimento millonario nas obras da liña Lugo-Ourense”. “Eluden responder porque os tempos son practicamente os mesmos”, asegura.
Os representantes do PP por Lugo na Cámara alta compareceron ante os medios diante da estación de Rubián (Bóveda) acompañados polo alcalde do municipio, José Manuel Arias, rexedores, portavoces e concelleiros da zona sur da provincia e coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, para denunciar “a discriminación de Sánchez á provincia” que, a día de hoxe, “permanece illada da alta velocidade ferroviaria”. De feito, conforme sinalan, “Lugo é das poucas capitais de España de contorna aos 100.000 habitantes que non dispón de servizo de AVE”.
Nos seus escritos no Senado, os populares preguntaban polas previsións do Goberno para a entrada en funcionamento da proposta do ministro Puente sobre as lanzadeiras a 200km/h, pero explican que o Executivo se limita a describir os traballos de renovación da liña que están pendentes. Ademais, o PP sostén que formulou outra pregunta concreta en relación á redución dos tempos de viaxe á vista de que o Clúster da Función Loxística de Galicia afirma que as obras que se realizan non redundarán nunha redución significativa dos tempos.
“Curiosamente, a pesar de que na resposta sobre as lanzadeiras o Goberno indicaban entre os obxectivos de renovación a mellora de tempos de viaxe, neste caso non é capaz de aclarar cal é esa redución de tempos”, denuncia. “É máis, recoñecen que as obras entre Monforte e Ourense non concluíron na súa totalidade e que o servizo Intercity Ourense-Lugo se realiza por estrada, polo menos, ata finais de febreiro de 2025″, sinala o PP. Pola súa banda, o alcalde de Bóveda reivindicou “investimentos” na estación de Rubián e que “pare algún tren” para poder estar máis preto de Lugo e doutras cidades.
Os populares lamentan que os veciños de Lugo “continúen privados da alta velocidade ferroviaria” e lamentan que a “única alternativa son os encales co AVE en Ourense que, a día de hoxe, son insuficientes e, ademais, sofren continúas incidencias, atrasos e avarías”. Así, advirten que “para a chegada do AVE a Lugo, é imprescindible a construción das variantes ferroviarias comprometidas (Os Peares-Canabal e Rubián), así como a corrección do actual trazado, que presenta moitas curvas, e garantir a tensión eléctrica necesaria para habilitar un corredor ferroviario polo que poidan circular trens AVE”. “A falta de vontade do Goberno que preside Pedro Sánchez para executar a discriminación á nosa provincia”, sinala.