Os votos das forzas que conforman o goberno de Lugo, PSOE e BNG, sacaron adiante a organización da corporación local para o recentemente iniciado mandato, no que os edís verán incrementado os seus salarios e no que tamén aumenta a asignación económica aos grupos.
A organización foi aprobada grazas aos votos dos 13 edís de socialistas e nacionalistas, mentres que os 12 concelleiros do PP que completan a corporación luguesa abstivéronse.
Antes do pleno de organización, o goberno celebrou a súa primeira xunta, que continuará celebrándose ás 10,00 horas. O órgano estará integrado, ademais de pola alcaldesa, Lara Méndez; por Rubén Arroxo, Miguel Fernández, Paula Alvarellos, Maite Ferreiro, Mauricio Repetto, Ana Abelleira e Cristina López.
A corporación poderá contratar un total de 19 asesores, dos cales, dez serán para o PSOE, seis para o BNG e tres para o PP, formación que subliñou que o seu traballo agora centrarase en “fiscalizar” o traballo do goberno local composto polas forzas “perdedoras” das eleccións.
A primeira xunta de goberno do mandato deu paso ao pleno de organización, que tamén mantén o seu horario respecto do últimos catro anos e terán lugar o último xoves de cada mes.
SUBAS
Deste xeito, sobe un 13,5% o gasto que se destinará ao salario de edís –5.000 euros máis anuais– e asesores para equiparalos, respectivamente, ao soldo dun xefe de servizo e ao dun administartivo, ou técnico da escala A1.
Tamén aumenta a asignación aos grupos políticos, que percibirán en global 24.000 euros mensuais, 6.700 euros máis que o que recibiron desde o ano 2015, cando se acordou unha redución para o mandato entre ese ano e 2019.