A candidata do PP á alcaldía de Lugo, Elena Candia, pediu á Xunta que postule á capital lucense para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública, tras o anuncio este venres do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, do interese de Galicia en albergar a sede da entidade.
Nunha nota de prensa, Candia expresou que se logran que se instale en Lugo a Axencia, “a suma dos esforzos da Xunta de Galicia e do Goberno de España” podería permitir converter a cidade en “unha referencia nacional e internacional no deseño, implementación e avaliación de políticas públicas innovadoras no ámbito da saúde pública”.
Así, a candidata popular quere que cando a administración autonómica presente unha candidatura concreta para albergar esta institución “defenda a Lugo como sede”, xa que considera que “reúne os requisitos de idoneidade necesarios para albergala”.
Entre estes requisitos, Candia argumentou que Lugo é unha provincia na que “o fenómeno do despoboamento está á orde do día”, polo que afirmou que cumpre coa exposición de motivos do Real Decreto que regula o procedemento de elección de sedes para as novas axencias.
Ademais, expuxo que na cidade a Xunta xa “ten concentrado os seus esforzos en relación á saúde pública” a través de “a instalación do Laboratorio Central de Saúde Pública de Galicia desde o ano 2014”. Neste sentido, puxo en valor que este laboratorio, formado por máis de 50 profesionais, “é un referente de toda España no que se refire ao ámbito da seguridade alimentaria e a sanidade ambiental”.
Como terceiro motivo, a popular vinculou a proposta de Lugo como sede da Axencia ao “esforzo investidor” que, continuou, “a Xunta está a facer no barrio da Residencia” coa construción dun Centro Integral de Saúde que “será un exemplo de innovación e unha aposta por un sistema público de calidade”.
Está previsto que a Axencia Estatal de Saúde Pública desempeñe funcións nos ámbitos da vixilancia en saúde pública, en preparación e resposta fronte a futuras emerxencias, en asesoramento e avaliación, e comunicación de riscos para a saúde.