InicioPolíticaUnha sentenza obriga o Concello de Lugo a readmitir a xefa de...

Unha sentenza obriga o Concello de Lugo a readmitir a xefa de persoal cesada no 2020

A xuíza considera que os motivos alegados polo goberno local para apartar a esta funcionaria do seu cargo só eran "valoración subxectivas", non apoiadas en probas. O Concello xa anunciou que presentará recurso

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Xulgado do Contencioso-administrativo nº1 de Lugo vén de emitir unha sentenza que declara nulo o cesamento da xefa de persoal do Concello de Lugo e que ordena a súa readmisión. A traballadora fora apartada do cargo en xaneiro do 2020 tras un acordo da xunta de goberno, que entendía que había “cumprimento inadecuado das súas funcións”.

A actual sentenza, contra a que cabe recurso de apelación, indica que non resulta acreditado que a funcionaria “incumprise as obrigas derivadas do seu cargo e, en concreto, que deixase de ter a capacidade necesaria por incumprir de forma manifestamente deficiente, ineficaz, descoidada ou neglixente as obrigas que lle incumbían”. Entende, por tanto, que a decisión non é axustada a dereito.

A maxistrada salienta que durante os 23 anos que permaneceu no seu posto de traballo, non consta “que se incoase contra ela ningún tipo de expediente de carácter disciplinario ou se lle realizase algún apercibimento”. Así, a sentenza desmente unha a unha as acusacións vertidas contra a traballadora porque “non aparecen avaladas por proba algunha”, segundo destaca a titular do xulgado, quen conclúe que a resolución do Concello se fundamentou “en valoracións eminentemente subxectivas”.

Así pois, a xuíza asegura que se pretende “trasladar á funcionaria demandante a responsabilidade respecto de decisións adoptadas polos órganos con competencia para iso”, polo que entende que se infrinxiron “os máis elementais principios de responsabilidade e culpabilidade”.

RECURSO DO CONCELLO

O goberno local axiña deu a coñecer o seu “desacordo” coa sentenza e anuncia que presentará un recurso contra a mesma.

O Concello lembra que a decisión da remoción a esta traballadora municipal se baseou no “cumprimento inadecuado das funcións atribuídas ao seu cargo, que estaba a frear unha xestión como é a da Area de Persoal, que afecta á totalidade da actividade administrativa municipal”.

Fora a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, quen anunciara en novembro de 2019 a decisión do Concello de Lugo de cesar a xefa de persoal. As declaracións contra a funcionaria foran duras, pois Alvarellos cualificara de “inexistente” o exercicio da xestión, ademais de asegurar que era desenvolvido “de forma desatinada, aleatoria e moitas veces inxustificado”. 

AGORA, TRABALLO MÁIS ÁXIL

Agora insisten de novo nos seus argumentos e engaden: “proba disto é a evolución do traballo que se desenvolveu desde a súa remoción, como é a aprobación dunha RPT, pendente desde o 2006, a convocatoria e a materialización das distintas Ofertas Públicas de Emprego, a elaboración de bases para a provisión de postos de traballo e a creación de bolsas de emprego de 42 categorías profesionais, accións todas elas que foron permitindo ir dimensionando os distintos departamentos municipais”.

Así mesmo, subliñan que se conseguiu regularizar a situación de empregados municipais e dotar de maior transparencia os procesos postos en marcha.

ÚLTIMAS

O BNG propón destinar os 250 millóns de Altri a un plan para revitalizar as comarcas da Ulloa, Ulla e Arousa

A líder do BNG, Ana Pontón, propón que "os 250 millóns de euros que o...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Rouban a anciáns en Palas de Rei mediante o método do abrazo cariñoso

A Garda Civil de Lugo alertou dun delito de furto co método do abrazo cariñoso tras o roubo...

Denunciados os donos de dous cans que atacaron a un viandante e á súa mascota en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncias contra os donos de dous cans que...