InicioPolíticaA nova crise no goberno local de Monterroso leva o PSOE a...

A nova crise no goberno local de Monterroso leva o PSOE a pedir a dimisión do alcalde

Gato Soengas gobernará co único apoio dun edil de CxG tras cesar os concelleiros socialistas, cos que mantiña un acordo tras os desencontros con Independentes por Monterroso. O PSOE asegura que o rexedor "pasará á historia pola súa nefasta xestión política" e a súa "incapacidade" á hora de implantar medidas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os socialistas de Monterroso esixen a dimisión do alcalde, o independente Antonio Gato Soengas, ante a súa “incapacidade” para liderar o concello e tras unha nova polémica no goberno local. Gato Soengas gobernará co único edil de Compromiso por Galicia (CxG) tras cesar a dous do PSOE, cos que mantiña un acordo.

O grupo municipal do PSOE asegurou que “o alcalde pasará á historia pola súa nefasta xestión política, que deu como resultado a ruptura de dúas coalicións no goberno da vila”. E é que Gato Soengas, que se presentara ás eleccións coa candidatura de Independentes por Monterroso (IxT) tamén protagonizara un desencontro que o deixara naquel momento sen o apoio de tres concelleiros compañeiros de formación política. 

Daquela fraguara un acordo co PSOE e CxG, agora tamén roto, polo que o rexedor xa só conta con Xavier Vázquez, o único edil de CxG. Preguntado respecto diso por Europa Press, Antonio Gato destacou que na actualidade traballan na “gobernación do Concello” el mesmo e Vázquez, así como “todos os funcionarios”. “Desde o primeiro ata o último e non hai ningún problema de desatención”, manifestou.

MEDIDAS PARA A CRISE DA COVID-19

“Así o viñemos facendo ao longo de todo o tempo de confinamento”, engadiu o alcalde, que indicou que estivo uns días “enfermo” en casa e que cumpriu o confinamento “en contacto permanente con todos os servizos municipais”.

Cousa distinta pensan os socialistas, que o acusan de ser “incapaz de poñer en marcha unha soa iniciativa para loitar contra a crise da COVID-19″. “Parece que estivo máis preocupado de poñer trabas aos que estabamos traballando no Concello para solventar os problemas das veciñas e veciños”, en palabras do voceiro dos socialistas monterrosinos, Rafael García.

A POLÉMICA DO PECHE DA VIVENDA COMUNITARIA

Ademais, García estendeu as críticas máis alá e lembrou que o PSOE de Monterroso se opuxo o pasado 20 de marzo á “decisión unilateral” do rexedor de pechar a vivenda comunitaria do pobo. “Non entendemos como puido tomar unha decisión deste calado sen ningún informe favorable e, o que é máis grave, deixando sen asistencia os seus usuarios“, apuntou.

O socialista asegurou “nestes momentos de crise” é cando os veciños máis necesitan aos gobernantes, polo que mostrou a disposición do seu grupo a traballar para sacar adiante os proxectos pendentes, “empezando coa aprobación do orzamento municipal”.

A “DÉBIL” GOBERNABILIDADE DE MONTERROSO

Cun goberno local formado por tan só dous concelleiros, a posta en marcha de medidas e a gobernabilidade non parecen moi doadas. “Xa estaba en debilidade“, chantou Gato Soengas ao respecto. “Nunca tivemos maiorías absolutas nas coalicións que fixemos”, rematou, para restarlle importancia.

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo modifica horarios de traballadores e instalará paneis especiais nas escolas infantís pola calor

O pleno ordinario de xuño do Concello de Lugo abriuse este luns coa intervención...

Lara Méndez, “tranquila” ante a situación de José Tomé nas primarias: “Cando detectamos un problema, dámoslle solución, non coma o PP”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, dixo estar "tranquila" ante a situación do...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...

A Fiscalía pide 20 anos de prisión para un home acusado de violar dúas veces a unha muller en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá os días 3 e 4 de xullo o...