InicioPolíticaAnxo Quintana: "Galicia precisa un cambio nacionalista. E se para iso algúns...

Anxo Quintana: “Galicia precisa un cambio nacionalista. E se para iso algúns temos que calar, pois calamos”

O exvicepresidente da Xunta e exlíder do BNG analizou en Lugo a 'Galiza de hoxe e mañá'. Coida que este é un país cheo de recursos, pero cómpre "autorresponsabilizarnos" deles. Entende, polo tanto, que ningunha forza progresista de carácter estatal pode axudar nesta andadura. Quintana tamén fixo unha valoración do ocorrido no espazo á esquerda do PSOE nos últimos tempos: "Non soubemos exercer a política. Se o BNG gañara no 2009, non pasaría o que pasou en Amio".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O exvicepresidente da Xunta de Galicia e exlíder do BNG, Anxo Quintana, apalabrara co Ateneo Galeguista de Lugo hai algún tempo participar nunha conferencia na cidade este 20 de febreiro. Daquela aínda nada se sabía das eleccións autonómicas do 5 de abril. “Feijóo soubo que viña aquí e convocounas”, dixo entre risas Quintana na tardiña deste xoves. “Falaremos diso tamén”, prometeu ao inicio, pero antes de deixarse inundar por ese “tsunami electoral” —nas palabras dun asistente—,  o exvicepresidente armou un discurso analítico da ‘Galiza de hoxe e mañá’. 

“Non foi moi complicado traer a Anxo Quintana a Lugo. Debe ter moito que dicir e moitas ganas de contalo”, bromeaba na presentación o presidente do Ateneo, Xaime da Pena. Se ben Quintana confesou non sentir apego por “prodigarse moito”, o certo é que trasladou aos asistentes unha visión bastante completa da situación de Galicia na actualidade e mais dos retos do futuro. O principal, ao seu parecer, é deixar claro que “somos un país con recursos e posibilidades”. “O noso gran problema é a falta de autoestima. Temos que combater esa idea dunha Galicia pobre, rachar con esa realidade ficticia que nos queren vender”, afirmou.

Para o allaricense, a opción viable para un xusto aproveitamento desas potencialidades pasa por “non depender de ninguén” e por “autorresponsabilizarnos do noso”. Aí é onde xoga un papel chave o nacionalismo galego. “É totalmente absurdo pensar que un movemento político estatal, por moi progresista que sexa, poida cambiar a estrutura económica de Galicia. Aínda que quixera facelo, non podería!”, recalcou. “O Estado ten que lexislar con carácter xeral, pero dificilmente iso vai acertar con Galicia. A nosa realidade social, económica, demográfica… é completamente contraposta á do resto do Estado”.

“cómpre apostar por forzas políticas propias. O resto é esforzo baldío”

Público asistente á conferencia de Anxo Quintana no salón de actos do IES Lucus Augusti | LX

Por iso, Anxo Quintana afronta as eleccións autonómicas do 5-A como unha “oportunidade” para que se materialice un cambio. Sobre a mesa, ve dúas opcións: a primeira, o modelo do PP, que afondaría nunha maior dependencia de Madrid; a segunda, un modelo de Estado asimétrico, con posibilidades de autogoberno. “O que pase o vindeiro 5-A pode ser determinante. É unha oportunidade para o cambio nacionalista que precisa Galicia, para mellorar e aumentar o noso autogoberno, para xestionar nós mesmos os nosos recursos”, aclarou.

Nese sentido, aprecia o acordo conseguido entre o PSOE e o BNG para a investidura do presidente do Goberno. “Pareceume estratosférico. Eu que estiven niso, sei que é difícil”, comentou. Para el, o máis resaltable é o feito de ter incluído o mesmo status para Galicia ca Cataluña e Euskadi ante posibles modificacións autonómicas. “Iso é esencial!”.

“PACTAR CON YOLANDA DÍAZ? SERÍA COMO SER DO CELTA E ANIMAR O DÉPOR”

Con ese escenario por diante, Anxo Quintana entende que cómpre apostar por forzas políticas propias que non dependan máis ca da cidadanía do país. “O resto é esforzo baldío. Dínolo a experiencia”. Iso non impediría conxugar acordos a partir da representación que cada formación obteña nas urnas, “pero non perdamos o norte”.

Aínda sen mollarse demasiado, Quintana amosouse contrario ás alianzas que inclúan forzas progresistas con base estatal. “Poño o exemplo de Yolanda Díaz. É unha ministra galega e non me cabe dúbida das súas boas intencións, por moito que discrepe con ela. Pero vai poder facer algo pola realidade laboral concreta en Galicia? Non! Entón, podo construír un proxecto político con ela?”, preguntouse. “Non, a menos que eu deixara de ser nacionalista. É coma se son do Celta e vou animar o Deportivo”.

“A algúns entráronlle as présas, outros quixeron atrincheirarse…”

“SE O BNG GAÑARA NO 2009, NON PASARÍA O QUE PASOU EN AMIO”

O tempo do coloquio deu pé a afondar nos vaivéns do nacionalismo galego e do espazo rupturista a partir da Asemblea de Amio. Daquela, naceron varios proxectos paralelos e cambiantes froito das disputas internas no BNG. “Eramos unha formación política con moito mérito”, valorou Anxo Quintana. “Pero non soubemos exercer a política, non soubemos gobernar”. 

“O que pasou en Amio foi unha escenificación dunha serie de desastres. Pero se o BNG gañara as eleccións do 2009, non habería tal Amio. Xa buscariamos unha maneira de amañarnos. Como non tivemos éxito, a caixa rebentou. A algúns entráronlle as présas, outros quixeron atrincheirarse…”

ACTUAR CON “INTELIXENCIA”

Coa perspectiva que outorga o paso do tempo, Anxo Quintana coida que o reto actual do nacionalismo é sumar apoios e fuxir de sectarismos pasados. Igual hai xente que non se declara nacionalista, que non fala galego todos os días, que non é ecoloxista…, “pero que ten un sentimento de pertenza ao país. Temos que convencelos de que é preciso converter iso en compromiso político”, reclamou, “ten que haber un cambio nacionalista”.

O reto é que haxa unha presidenta galega, sostivo o de Allariz. “Temos que actuar con intelixencia, máis que con xenerosidade. E saber que este país precisa unha forza soberanista con intereses galegos, sen dependencia. Cada un temos que facer o que poidamos. Se o que podemos facer é estar calados, pois estámolo. Eu o primeiro!”, chantou.

ÚLTIMAS

O PP de Lugo acusa ó goberno local de “improvisación” e “falta de xestión” na regularización de terrazas

O PP de Lugo acusou este sábado ao goberno local de "improvisación" e "falta...

Falece un home de 62 anos tras chocar o seu vehículo contra unha árbore en Abadín

Un home de 62 anos faleceu á primeira hora deste sábado nun accidente de...

Un condutor borracho e drogado foxe tras ter un accidente e choca contra seis coches aparcados na rúa das Fontes

Un condutor ebrio foi interceptado pola Policía Local tras fuxir dun accidente e chocar contra seis...

O PP pide ao Goberno que “amplíe prazos e orzamentos” para a rehabilitación dos barrios da Milagrosa e Feijóo con fondos europeos

A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e a deputada lucense no...