InicioOpiniónOpinión: O Dereito Internacional fronte á situación en Venezuela

Opinión: O Dereito Internacional fronte á situación en Venezuela

Os membros da Organización, nas súas relacións internacionais, absteranse de recorreren á ameaza ou ao uso da forza contra da integridade territorial ou a independencia política de calquera Estado, ou en calquera outra forma incompatíbel cos Propósitos das Nacións Unidas. (Art. 2.4 da Carta das Nación Unidas, asinada o 26 de xuño de 1945).

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Dereito Internacional como ferramenta de Paz

O mundo vira xa dúas Guerras Mundiais con millóns e millóns de persoas mortas, desprazadas e feridas cando a conxunción da práctica totalidade de Estados dese mesmo mundo chegou ao convencemento de que o sufrimento irrogado aos pobos e á Humanidade debía chegar ao seu fin. De que a violencia dun Estado contra do outro non podía ser a vía para a solución de posíbeis discrepancias entre eles.

Con esa finalidade, e coa de elevar os Dereitos Humanos e a dignidade humana ao centro da actuación internacional, en 1945 asinouse a Carta de Nacións Unidas, dando orixe a esta organización.

Un entorno carente de agresións, no que os Estados colaboren dende a non agresión á resolución das súas controversias por medios civilizados e no que o uso da forza non serviría xamais para intereses específicos dun Estado senón só como último recurso para o mantemento do interese común e a paz mundial. Este era un dos piares da organización.

A Carta ademais converteuse nunha norma vinculante, isto é, nunha obriga á que os diferentes Estados se unían voluntariamente e que prometían honrar e cumprir.

O Dereito Internacional como obriga e compromiso

Para os Estados asinantes, a Carta era (e é), ademais dunha declaración de intencións, unha obriga legal.

Este texto, así coma os sucesivos Tratados ONU teñen forza vinculante, maior incluso en xerarquía ás normas de dereito interno. Para os Estados asinantes, este Dereito Internacional é, dende a sinatura, base da súa organización política, fundamento de sentenzas xudiciais, obrigas para as Administracións Públicas…

“Este texto, así coma os sucesivos Tratados ONU teñen forza vinculante, maior incluso en xerarquía ás normas de dereito interno”

Deste modo, a creación dunhas normas común e regras de xogo compartidas erixiuse como un mínimo común que garantise a ausencia de conflitos armados no eido internacional, que evitase a pantasma da guerra a sobrevoar de novo no mundo.

26 Estados foron os asinantes orixinais da Carta. Os Estados Unidos de América era un deles. España demoraría aínda dez anos máis, formando parte da ONU no ano 1955.

As actuacións Norteamericanas en Venezuela

Porén, a finais do ano 2025, o Goberno estadounidense decidía, unilateralmente, impor un bloqueo marítimo sobre as augas territoriais venezolanas, suprimir o seu espazo aéreo, atacar militarmente embarcacións, dentro de augas soberanas venezolanas causando un total de máis de 100 vítimas mortais… e finalmente, no día 3 de xaneiro, efectuar un bombardeo de diversas zonas da capital, Caracas, ao tempo que secuestrar ao Xefe de Estado da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, e da súa Dona, Cilia Flores; matando no proceso a máis de 100 persoas, en cifras do Executivo venezolano.

Non existe forma algunha de evitar o incontestábel: esta sucesión de actos vulnerou e segue a vulnerar as normas internacionais. As mesmas normas que os Estados Unidos prometeran e xuraran acatar.

Trátase dunha verdade da que nin sequera os Estados Unidos foxen, tendo declarado o seu Presidente, ao New York Times o pasado 9 de xaneiro: “non necesito o Dereito Internacional. A miña moralidade é o único límite”.

En calquera caso, do mesmo parecer son os Relatores de Nacións Unidas, lembrando que xa só o bloqueo marítimo inicial tiña, a ollos de Nacións Unidas, a consideración de agresión armada. Da mesma opinión son tamén a Asociación da Maxistratura Europea pola Democracia e a Liberdade (MEDEL) e a Comisión Internacional de Xuristas (ICJ); e outros órganos e colectivos de persoas expertas en Dereito Internacional.

Non hai dúbida algunha: as actividades estadounidenses con respecto a Venezuela son ilegais e o seu Goberno realizounas sabendo que eran ilegais.

E diante disto… que facer?

Un goberno, que prometera cumprir as normas internacionais, de súpeto decide non facelo, agredir a un Estado, asasinar á súa poboación; e ameazar a polo menos outros catro de facelo de novo (no momento de redactar este artigo: México, Dinamarca, Colombia e Cuba).

Estados Unidos decide, unilateralmente, sabotar o Dereito Internacional ao que todas as persoas estamos sometidas; e decide facelo, baixo as súas propias declaracións, só coa intención de explotar os recursos naturais do Estado venezolano. Ningunha alusión a cambio de dirección política no país, nin democratización; e con respecto á loita contra o narcotráfico, o seu propio Ministerio Fiscal recoñecía hai unhas semanas que o cártel “Los Soles”, o que se acusaba a Maduro de dirixir, nin sequera existe.

“Estados Unidos decide, unilateralmente, sabotar o Dereito Internacional ao que todas as persoas estamos sometidas”

Estados Unidos convértese nun matón do patio da escola, baténdolle a todas as nenas e nenos, e berrando que seguirá a facelo; e observamos como nin sequera os Profesores e Profesoras lle chaman a atención por este comportamento.

A propia Nacións Unidas lembra que as agresións do goberno estadounidense son un crime sometido á Xurisdición Universal e que, por tanto, todos os Estados poderían enxuizalo. Pero… quen será o Estado que dará este paso, sabendo que en calquera momento pode suceder unha nova agresión impune?

Asistimos a un tempo no que hai persoas que queren colocar o uso da forza como único valor e única potencia. Unha época na que todas e todos nós debemos decidir onde nos posicionamos: se no uso cavernícola da forza ou nas normas, a civilización e o respecto aos compromisos. Se queremos Dereitos Humanos, diálogo e paz; ou vivirmos sometidos aos caprichos dun Presidente caótico, baixo investigacións en cargos de agresións sexuais a menores de idade e que pretende que o mundo sexa o seu patio de xogos.

Un artigo do avogado Miguel Vieito Villar.

Miguel Vieito (Avogado)
+ posts

ÚLTIMAS

CC.OO. reclama máis seguridade tras a morte de dous operarios na A-8 nunha concentración en Lugo

Preto dun centenar de persoas participaron este venres nunha concentración diante da Demarcación de...

A neve volta a Lugo por riba dos 700 metros

A Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) activou un aviso amarelo por neve tanto na...

Congreso de xerontoloxía e xeriatría no Pazo de San Marcos no mes de maio

O Pazo de San Marcos acollerá o 22 e 23 de maio a 26...

A Deputación inviste case 2.5 millóns de euros na mellora de estradas provinciais

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou investimentos por case 2,5M€ para...