InicioOpiniónOPINIÓN: O que debemos saber sobre as limpezas de fincas en Galicia

OPINIÓN: O que debemos saber sobre as limpezas de fincas en Galicia

Interesante artigo sobre a obriga de manter limpas de maleza as fincas que dá resposta a preguntas que nos facemos sobre este tema. Cando e por que estou obrigado? Cando se pode acordar o desbroce co SEAGA? Quen limpa os terreos sen dono ou dona? Que responsabilidades teñen os concellos?

PUBLICADA O

- Advertisement -

Se somos propietarios/as dun predio, rural ou urbano, no que medran sen control toxos, xestas, silvas ou broza en xeral, e non os mantemos en boas condicións de limpeza, é posíbel que nalgún momento teñamos notificación para realizarmos ese desbroce.

Especialmente se falamos do que se coñece como “faixas secundarias” que non é outra cousa que o espazo de 50 metros arredor de núcleos, ou dentro da zona de tolerancia.

Estas condicións de limpeza, para os terreos máis preto de edificacións, están reguladas nunha Orde da Xunta do ano 2007 que nos di, por exemplo:

-Que a separación entre árbores será dun mínimo de sete metros.

-Que a altura máxima da vexetación que cubra máis da metade do chan, será dun máximo de 20 cm.

-Ou que as copas das árbores deberán estar a máis de 10 metros das edificacións, e nunca poden proxectarse sobre o seu tellado.

(Ollo, que non só estamos obrigados/as se somos donos/as da parcela, tamén no caso de ser usufrutuarioas/as e arrendatarios/as das fincas).

Ben con orixe no Concello, ou ben con notificación da Consellería correspondente, indícasenos que debemos proceder a rozalas nun prazo determinado e que, se non o facemos, se executará ao noso custe. É dicir, será a Administración Pública a que se encargue dos labores de limpeza, tendo nós a obriga de sufragar os gastos correspondentes e, eventualmente, a sanción que puidera corresponder.

Para o Concello de Outeiro de Rei, e no ano 2022 os prazos para executar a limpeza eran:

-Para substrato arbustivo e herbáceo: un mes desde a notificación.

-Para corta e saca de piñeiros e eucalipto a menos de 50 metros de edificacións: tres meses.

-Para corta e saca de piñeiro e eucalipto a máis de 50 metros de edificacións: oito meses dende a notificación.

(A partir deste ano 2023, a obriga de manter limpas as parcelas esténdese a todo o ano, sen prexuízo de que a maior intensidade nos controis se dará a partir do 31 de maio de cada ano).

O porqué desta regulación adoitamos atopalo na normativa contra incendios forestais: un inmóbel limpo de maleza suporá menor risco de inicio dun lume ou ben contribuirá en menor medida á súa propagación. É por isto que unha das principais normas de referencia nesta materia é a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Que podo facer para limpar? Os acordos con SEAGA

Podemos (e debemos) ser nós mesmos/as quen limpe as nosas fincas. A loita contra os lumes non só é tarefa de todos/as senón que é unha tarefa na que calquera esforzo suma.

Ben a través do noso labor, ou coa contratación de empresas especializadas do sector, é clave mantermos as nosas parcelas nos termos da Orde de 2007 que mencionábamos, garantindo a seguridade de todos/as.

Mais se estamos nunha Parroquia considerada como prioritaria no que respecta á defensa contra incendios, temos unha posibilidade máis: o convenio con SEAGA (Servizos Agrarios Galegos, S.A.).

En 2018 a Xunta de Galicia xunto coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) asinan con SEAGA acordo de colaboración para que os/as veciños/as destas Parroquias poidan encargarlle a esta empresa a limpeza dos seus terreos; sempre que ademais o seu Concello se adherise voluntariamente a este convenio.

“Se estamos nunha Parroquia considerada como prioritaria no que respecta á defensa contra incendios, temos unha posibilidade máis: o convenio con SEAGA”

Este acordo permite que nas franxas secundarias a cidadanía contrate con SEAGA a limpeza a un prezo de 350€/hectárea, sufragando a Xunta o sobre-custo destas limpezas por riba deste límite. Trátase dun prezo, polo xeral, moi inferior ao de mercado.

A data de febreiro deste 2023 asinaran este convenio con SEAGA un total de 276 Concellos galegos.

(Por exemplo, na Provincia de Lugo están, a data de hoxe, adheridas varias parroquias do Concello de Lugo, parroquias en Navia de Suarna e, cun programa piloto a Parroquia de Doncos, no Concello das Nogais.)

Outros Concellos, coma Outeiro de Rei, non teñen detectado parroquias prioritarias para a defensa contra incendios e non teñen asinado convenio de colaboración nesta materia.)

Outeiro de Rei / Parcelaria

Quen limpa os terreos sen dono/a?

Non todos os terreos poderían limparse a través desta canle, pois só está previsto para o que se coñece como “faixas secundarias”. Trátase do espazo de 50 metros medidos desde o núcleo rural (ou urbano ou urbanizáblel).

A persoa responsábel da limpeza, como dicíamos, sería o/a dono/a ou a persoa que fai aproveitamento da parcela. Porén, non é estraño no noso rural que a persoa titular da parcela sexa descoñecida, mesmo en datos do Concello ou do propio Catastro.

Noutra ocasión habemos de falar de como descubrir quen é titular dunha parcela sen dono pero hoxe diremos que quen debe realizar a limpeza nestes casos é o Concello. Trátase do que se coñece como “execución subsidiaria”.

Así o recolle a normativa de incendios, que dispón que lle corresponde: “Ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios (…) e de xeito máis concreto a ordenación e a execución subsidiaria da xestión da biomasa”.

Neste sentido, mencionamos por recente o Informe do Consello Consultivo de Galicia 303/2022, que recolle a responsabilidade dos Concellos nesta materia (di que “non é optativa”) e que o feito de non o faceren colócaos en risco, por non estaren asumindo as súas obrigas legais.

Isto é, podemos concluír dicindo que todos/as nós temos unha enorme responsabilidade na loita contra os incendios forestais. De nós depende cumprirmos non só as nosas obrigas, senón o coidado mínimo e a protección das nosas veciñas e veciños. O monte é cousa de todos/as!

“Todos/as nós temos unha enorme responsabilidade na loita contra os incendios forestais”

Pero se é cousa de todos/as, é cousa tamén dos Concellos. Estes, ben a través da execución subsidiaria ou da identificación de parcelas en risco, que permita asinar convenios técnicos coa Xunta neste ámbito, poden (e deben) facer o mesmo esforzo que nos esixen a nós. O monte tamén é cousa deles!

(Quero enviar un agradecemento especial á sede de SEAGA en Lugo, pola súa amabilidade e a súa colaboración como apoio nalgún dos datos que recollo neste artigo).

Miguel Vieito Villar é un avogado de Outeiro de Rei que, entre outras especialidades, dedícase a levar xestións en Catastro e no Rexistro da Propiedade.

ÚLTIMAS

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...

Detidos en Lugo dous homes e unha muller por tráfico de drogas nas proximidades de colexios

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a dous homes e unha muller como...

O ministro Puente promete que o segundo viaduto do Castro estará listo “antes de final de ano”

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, asegurou este martes no Senado...