A Plataforma Ulloa Viva recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o arquivo do Goberno galego ao proxecto que a compañía portuguesa Altri promovía en Palas de Rei por considerar que responde a unha “estratexia para deixar a macrocelulosa en standby”.
Nun comunicado, a plataforma lembrou que xa anunciou a presentación dun recurso administrativo contra esta decisión ante o alto tribunal galego, un asunto que o TSXG admitiu a trámite o pasado 30 de setembro.
Ulloa Viva explica que comezou deste xeito a súa anunciada “batalla xudicial” contra o proxecto e detalla que a finais deste mes de outubro termina o prazo de presentación de recursos contra a resolución do 10 de xullo de 1026 da Xunta sobre o arquivo do Proxecto Gama.
“Advertímoslle por todas as vías á Xunta que o arquivo non nos serve, queremos a denegación do proxecto”, explica a plataforma, que lembra que desde que a Xunta anunició en febreiro por primeira vez a súa intención de arquivar o proxecto por falta de conexión eléctrica levaron a cabo múltiples accións, como protestas e recollidas de firmas para esixir que se “enterre” o proxecto.
E é que Ulloa Viva considera que o arquivo que pretende a Xunta do Proxecto Gama “é unha estratexia para deixar a macrocelulosa en standby” e apunta que todos os expertos dos grupos de traballo da plataforma coincidiron neste tempo en sinalar que “meter o proxecto nun caixón e deixar aberta a súa reactivación non é asumible para a loita”.
“As veciñas e veciños afectados advertimos neste tempo que o arquivo non termina coa nosa preocupación nin co sufrimento que esta loita provocou en miles de persoas”, máis aló de considerar a falta de conexión eléctrica como unha “escusa” da Xunta para non entrar no fondo e non recoñecer que “é malo para o territorio, malo para as persoas, malo para o río Ulla e a ría de Arousa e incompatible co futuro” das próximas xeracións.
A plataforma sinala que despois de catro anos de “loita” non vai consentir que o Goberno galego “ventile cun arquivo que non é garantía de nada e menos de futuro”. “A loita só terminará cando termine a ameaza de Altri e a Xunta” e para iso a única vía posible é a denegación do proxecto, da petición de captación de auga do encoro de Portodemouros, da Autorización Ambiental Integrada pendente na tramitación” da a declaración como “proxecto industrial estratéxico”, finaliza.
Ulloa Viva, ademais, detallou que para afrontar os custos de acudir á vía xudicial fixo un crowfounding a través de Goteo que tivo como resultado a recadación de máis de 80.000 euros para financiar a estratexia xurídica, administrativa e pericial contra Altri.