InicioSucesosDano Cerebral Galicia inaugura este xoves a exposición "Contemos multitudes" en Lugo

Dano Cerebral Galicia inaugura este xoves a exposición “Contemos multitudes” en Lugo

O deseño da gráfica da exposición é de Xaime Fandiño, que tamén se encargou de dar forma a un coidado libro-obxecto que se vai agasallar a todas as persoas que asistan ao acto de inauguración da exposición.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dano Cerebral Galicia inaugura este xoves en Lugo a exposición ‘Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben’. A mostra fotográfica vaise poder ver no Vello Cárcere do 3 de xuño ao 30 de xullo. Presentarase por primeira vez o libro que acompaña a exposición e que amplía a colección de retratos que se poden ver na mesma. As imaxes son da autoría de Fuco Reyes e das persoas participantes no Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido.

“Vou ata o límite, vou ata o final. Vou onde todas as cousas perdidas volven estar ben” sentencia Bob Dylan na súa canción I Contain Multitudes. Unha declaración que podía ter saído da boca de calquera persoa con dano cerebral adquirido unha vez transitado o dó e interiorizada a cronicidade das secuelas que compoñen a súa discapacidade. Estas son diferentes en intensidade, cantidade e tipoloxía, dependen da persoa e do lugar do cerebro no que o ictus ou o traumatismo cranioencefálico -por citar as principais causas- provocou a lesión.

Multitude de secuelas, multitude de persoas, multitude de sensacións de ida e volta, do antes e o despois desta discapacidade adquirida que o cambia todo para a persoa e para a súa familia e contorna social. O cantautor Nobel levaba na canción ao presente o poema de Walt Whitman. Este, co seu “Contradígome. Son grande, conteño multitudes”, tamén parece retratar a experiencia dunha persoa con dano cerebral, que é a de antes, pero tamén é unha persoa nova tralo dano. Con contradicións, con novidades, con variedade, pero tamén a mesma, sempre.

Esta reflexión sobre o dó, sobre o cambio e sobre a readaptación foi a que sobrevoou cada un dos retratos de Fuco Reyes que compoñen a exposición ‘Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben’. Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo levan a O Vello Cárcere -un espazo de memoria, o que tamén ten relación co dano cerebral adquirido-, en Lugo, esta colección de imaxes, que se vai inaugurar este xoves 4 de xuño ás 18:00.

A exposición vai estar no Vello Cárcere desde o 3 de xuño ata o 30 de xullo. O centro cultural abre todos os días de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.

Esta é a segunda actividade que Dano Cerebral Galicia leva este ano a Lugo, trala Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral (10 de maio). A Federación de asociacións de dano cerebral acompaña así a Dano Cerebral Lugo polo seu 20 aniversario, que están a celebrar ao longo de 2026.

Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido

O Laboratorio Artístico e Creativo é unha iniciativa de Dano Cerebral Galicia para ofrecer ás persoas con dano cerebral adquirido das súas cinco asociacións federadas a posibilidade de formarse nunha disciplina artística. O ano pasado dedicouse á fotografía e estivo impartido por Fuco Reyes, que realizou unha introdución á técnica fotográfica ao tempo que promoveu a reflexión sobre a expresión a través desta disciplina. No marco do diálogo sobre como transmitir a fractura do proxecto vital que implica a chegada do dano cerebral adquirido, xorden os retratos realizados polo docente e que compoñen un dos bloques da exposición ‘Contemos multitudes’.

Os retratos contan, ademais, cun apoio en forma de testemuño manuscrito por cada unha das persoas fotografadas, nos que complementan a súa intención expresiva co posado.

O segundo bloque é o resultado do traballo de experimentación fotográfica realizado polas persoas con dano cerebral adquirido nos obradoiros ou como tarefa relacionada cos mesmos. De tipo máis artístico, centradas no relato biográfico ou como reflexión sobre as secuelas do dano cerebral, son 37 traballos cos que a persoa espectadora pode iniciarse na comprensión da fractura que implica a chegada dunha discapacidade que irrompe dun momento a outro.

Catálogo ampliado, colección completa de retratos

‘Contemos multitudes’ estreouse en outubro do ano pasado no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago. O Vello Cárcere é a segunda parada desta exposición, e será tamén a primeira ocasión na que se presente o libro que comparte título coa mostra, e que inclúe unha colección ampliada dos retratos realizados por Fuco Reyes.

O deseño da gráfica da exposición é de Xaime Fandiño, que tamén se encargou de dar forma a un coidado libro-obxecto que se vai agasallar a todas as persoas que asistan ao acto de inauguración da exposición.

Inauguración e apoios

A inauguración da exposición vai ter lugar no Vello Cárcere este xoves, 4 de xuño, ás 18:00, aínda que a exposición pode verse desde o mércores día 3. Van participar no acto María Ángeles Rozas Domínguez, presidenta de Dano Cerebral Lugo; Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia; Nemesio Núñez Tallón, usuario de Dano Cerebral Lugo que participou no proxecto; Fuco Reyes, fotógrafo e docente no Laboratorio Artístico do Dano Cerebral Adquirido; Xaime Fandiño, creador da liña gráfica de ‘Contemos multitudes’; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; e unha persoa representante do Concello de Lugo.

Ao finalizar as intervencións, que terán lugar no patio do Vello Cárcere, haberá unha visita guiada á exposición co seu autor principal, ao tempo que se as persoas asistentes poden recoller cadanseu libro. Por último, servirase un pincho no restaurante Musgo, na terraza do piso superior do edificio.

A exposición está comisariada por Fuco Reyes e Carla Miranda, conta co deseño gráfico de Xaime Fandiño e coa produción de Axeitos&Co. Colaboran tamén Alento, Dano Cerebral A Coruña, Dano Cerebral Lugo, Dano Cerebral Santiago de Compostela e DCA Ourense.

Ademais, nesta edición ‘Contemos multitudes’ está apoiada pola Consellería de Política Social e Igualdade, Consellería de Cultura, Concello de Lugo, O Vello Cárcere e Eroski a través do programa ‘Céntimos solidarios’.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación adxudica por 2,5M€ un novo sistema informático que modernizará a xestión tributaria

  A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres luz verde á...

Obras de pavimentación arredor da Intermodal en horario nocturno

O Concello de Lugo informa de que durante as noites do 15, 16 e...

Miguel Fernández acusa a Candia de poñer en risco proxectos estratéxicos para Lugo

O portavoz socialista traslada aos veciños e veciñas que non permitirá que a parálise...

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia esta fin de semana en Lugo

O Concello de Lugo ten xa preparado o programa de actos da tradicional Ofrenda...