“Un dos pais ten que sacrificarse e chegar máis tarde ao traballo para deixar os nenos no autobús”

A ANPA do CEIP Luís Díaz Moreno (Baralla) reivindica un cambio da xornada lectiva para que sexa posible a conciliación familiar e para que o alumnado teña as mesmas posibilidades de ocio e formación ca nas cidades.

Concentración de pais e nais de alumnos do CPI Luís Díaz Moreno (Baralla) para esixir un cambio de horario na xornada lectiva | ALX

“Temos que andar todos os días ás carreiras”. Así resume Candela a súa rutina diaria como nai de dous alumnos do CEIP Luís Díaz Moreno de Baralla. O horario da actual xornada lectiva complica as posibilidades de conciliación familiar e afecta ao rendemento dos máis pequenos da casa. Esas son as premisas das que parte a ANPA para reivindicar unha modificación do horario á Consellería de Educación.

Candela Fraga é enfermeira e traballa a quendas. É a súa parella quen se ocupa dos cativos pola mañá. “Un dos dous ten que sacrificarse e chegar algo máis tarde ao traballo, porque collen o bus ás 9:30h e entran no colexio ás 10:00h”, explica. “Cantas persoas teñen un traballo no que entren máis tarde desa hora?”, pregúntase.

SEN DESCANSO

Tampouco pola tarde o teñen doado. As clases rematan ás 17:15h e as longas rutas de transporte atrasan a chegada á casa ata pasada a media tarde. Candela e a súa parella procuran ir buscar os fillos á saída do centro, mais se non lles é posible por cuestións laborais, o autobús déixaos na casa ás 18:00h. “Chegan cansadísimos despois dunha xornada de tantísimas horas. Os nenos máis pequenos dórmense no colexio. Aos da ESO non lles rende o tempo para estudar”, sinala Candela. “E aínda teñen que facer as tarefas para o día seguinte!”.

Por moito que a merenda quede preparada de antes, “só teñen media hora para comer, non dá máis tempo”. Outra hora para rematar os deberes e “xa nos poñemos nas sete e media da tarde”. “Só lles queda unha hora para xogar, cear e ir para a cama”, di, sabedora do perxuízo que iso causa sobre o desenvolvemento infantil.

Segundo confesa, os propios cativos son conscientes deses desaxustes horarios e “reclaman tempo para descansar, para estar xuntos”. A Candela dóelle ter que renunciar a tempo de familia por mor disto. “É máis difícil afianzar vínculos. Estamos rompendo iso”.

UNHA EDUCACIÓN “DE SEGUNDA”?

Á parte desa “cara de cansiños” e o arrebatamento do tempo de ocio, dende a ANPA tamén critican que o actual horario impide que o alumnado poida acudir a actividades extraescolares, pois a maioría delas comezan moito antes de que elas e eles saian de clase. “Quéreslle dar oportunidades e ves que non podes. Moito menos aínda pola semana”, quéixase Candela.

Reclaman ter os mesmos dereitos e optar á mesma oferta de formación e ocio ca “calquera neno da cidade”. “Baralla sempre queda para o final. Queren facer unha educación de segunda no rural, e para nada é así“, chanta Candela. “Nós estamos contentísimos co cole, cos profes… É unha gran familia. Son 134 alumnos e coñecémonos todos”.

A LOITA DE CATRO ANPAS

Non pode ser, di, que se estrague iso coas trabas administrativas que dificultan un cambio de horario reivindicado por unha maioría. O mesmo ocorre coa problemática do transporte escolar, cuestión que tamén afecta a centros como o de Navia de Suarna ou Folgoso do Courel. As rutas que veñen aparelladas ás grandes empresas que levan a licitación non se corresponden coas necesidades reais da zona e do alumnado, segundo defenden.

Por iso, a ANPA de Baralla xuntouse con outras tres asociacións de nais e pais doutros colexios da provincia para tentar “facer máis forza”. “Que a Administración reflexione e rectifique”, piden, dispostos a seguir adiante coas mobilizacións e as protestas en caso de non chegar a un acordo positivo nun curto prazo. A idea non é outra que a de defender o ensino no rural. “Porque que provocan todos estes atrancos? Que haxa familias de Baralla que leven os nenos a Lugo“. Deslígase o territorio, desfaise a comunidade e desbaraxústase un servizo esencial no rural. Outro máis.

1 COMENTARIO

  1. A xente que vive no rural ten que ter máis oportunidades, ten que se desenrolar unha discriminacion positiva:bos horarios, máis servizos, internet decente, axudas para fixar a poboación no territorio. Que atopamos? unha administración curtopracista que xestiona o público con criterios de empresa privada, o modelo Feijóo de despoboamento rural, un cancro que destrúe o tecido rural galego.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here