InicioMovementos sociaisUn Foucín para rozar os estereotipos do rural

Un Foucín para rozar os estereotipos do rural

Laura Pardeiro, creadora de 'Leiras e Marcos', recibirá este sábado en Becerreá a distinción do Foucín de Honra. Pensa nesta ferramenta e axiña lle evoca a necesidade de facer limpeza na mirada que proxectamos sobre Os Ancares, pero tamén na importancia de despexar a 'maleza' na propia sociedade para facela máis libre.

PUBLICADA O

- Advertisement -

No medio das ‘Leiras e Marcos’ que goberna Laura Pardeiro non hai gota de maleza. Así de ben coidadiño ten todo ela. Pero esta moza das Nogais sabe que non todo son flores bonitas e carballos portentosos na paisaxe dos Ancares, senón que tamén hai enraizados males endémicos que lastran o desenvolvemento deste mundo rural. Hai que afiar o foucín e librar os valados.

Así é como ela entende o Foucín de Honra que lle entregarán este sábado na Feira do 12 de Becerreá, organizada pola asociación Rente ao Couce.foucín transmíteme esa necesidade de limpar e quitar prexuízos que non contribúen a un rural libre“, sinala Laura Pardeiro. Pensa, por exemplo, nos estereotipos que afectan especialmente ás mulleres ou na pouca liberdade existente para expresar cuestións de xénero ou orientacións sexuais diversas.

UN RURAL QUE NON É DE ANUNCIO

“Estamos fartas de que só se transmita a imaxe dun rural ideal”

Non se lle escapan tampouco os prexuízos sobre o propio medio. Cando o colectivo Rente ao Couce anunciou que a homenaxe deste ano ía para a creadora do blog ‘Leiras e Marcos’, xa destacaban a súa “visión cercana, acertada e de futuro” fronte a unha perspectiva de “idealización” sobre Os Ancares. “Estamos fartas de que só se transmita a imaxe dun rural ideal, centrado no turismo. Iso é necesario, pero se o rural fose só iso, non existiría”, sentenza.

O vínculo de Laura Pardeiro coa súa contorna “é moito máis ca iso” e non se corresponde en absoluto coa perspectiva que trasladan os medios de comunicación. “Empezando pola acústica e terminando pola paisaxe, non é un rural de anuncio“, di. Por iso, nas redes sociais do seu proxecto procura reflectir o “real” da vida na Montaña, coa morea de aspectos positivos que iso entraña, pero tamén con esoutros que se afastan da perfección.

‘LEIRAS E MARCOS’ EN BEN COMÚN

“De momento ‘Leiras e Marcos’ está esperando por min“, explica, case desculpándose por non estar tan activa como quixera no seu blog. Actualmente anda inmersa noutras aventuras profesionais que “están despegando”, pero xa lle tarda o momento de volver ter máis tempo para facer o que de verdade lle gusta: “estar alí, falar coa xente que habita o medio”.

Cando lle deron a noticia de que era ela a persoa distinguida co Foucín de Honra 2020, Laura Pardeiro púxose “contenta, contentísima”. Nuns tempos desacougantes para todo o mundo —e, de maneira máis concreta, para a mocidade que trata de encamiñar a vida—, aquela mensaxe lembroulle que “merece moito a pena traballar polo rural”. “Paréceme moi importante que os teus propios veciños e veciñas recoñezan o que estás facendo”, agradece.

DESDE O BERCE

Este sábado 12 de decembro, no acto de entrega, se cadra vence un pouco a vergoña e atrévese a pronunciar unhas palabras. “O motivo polo que creei ‘Leiras e Marcos’ e polo cal penso da maneira na que o fago é pola educación que me deron de pequena, por como vivín e polo que me rodeou”, sostén. Así, gustaríalle facer fincapé na importancia de educar as nenas e nenos na idea dun rural positivo e sen prexuízos: “temos que coidalos se de verdade queremos loitar contra o despoboamento; se eles medran querendo o rural, será máis fácil que queiran quedar a vivir nel“.

“Se os nenos medran querendo o rural, será máis fácil que queden a vivir nel”

Ela mesma, por circunstancias persoais, pasa agora máis tempo na cidade. Devece por coller o coche e emprender camiño pola A-6 cara ás Nogais. Ante a pregunta de que vai facer co fouciño que lle regalarán, teno claro. “Quero que viaxe comigo a onde eu habite. Así é coma se tivese un pouco da casa comigo”.

Cando mire para o foucín, ha de pensar seguido en seu avó. Acórdao sempre con esta ferramenta na man. Levábao cando ía co gando para aproveitar e rozar polas carrilleiras. Ao avó de Laura encantáballe plantar árbores, así que tiña que preocuparse de coidar o que había ao seu redor para que despois medraran fortes e sas. Así ha facer tamén ela, disposta a limpar e rozar os prexuízos que xorden nas gabias dun rural que, pese a todo, mira cara ao futuro.

ÚLTIMAS

Ofertan 100 prazas para labores de panadaría nunha compañía do sector da alimentación de Lugo

Adecco publicou este mércores unha oferta de emprego de 100 prazas para labores de panadaría nunha compañía...

Dous cabalos soltos en pleno centro de Lugo

A Policía Local de Lugo informou de que, o pasado 28 de marzo, localizou na Avenida...

Miguel Fernández elude situarse sobre os candidatos a presidir o PSOE provincial

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, eludiu situarse e explicar a que candidato apoiará no...

Conduce cara o centro de Lugo superando 7 veces a taxa de alcol, co permiso sen vixencia e facendo eses

A Policía Local de Lugo interveu a pasada madrugada a un condutor que superaba sete veces a...