InicioMemoria HistóricaA Deputación acusa á Xunta de "atrasar" a protección da Torre de...

A Deputación acusa á Xunta de “atrasar” a protección da Torre de Caldaloba

A falta de acordo entre as tres entidades implicadas ten o proceso parado desde 2022, coa propiedade do edificio repartida ao 50 % entre o Concello e a Deputación.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada de Cultura, Iria Castro, acusaron á Xunta de “atrasar, unha vez máis, a protección e valorización” da Torre de Caldaloba, un vestixio histórico situado no municipio de Cospeito e cuxa a propiedade está repartida ao 50 % entre Concello e entidade provincial desde que ambos compraron o seu parte en 2022.

Segundo comunicaron este venres os dous nacionalistas, o goberno autonómico cursou unha demanda de retracto con relación á compra da parcela na que se sitúa a metade oeste da Torre de Caldaloba e a parte fundamental do seu sistema defensivo, que se comprou na lexislatura anterior, coa responsable de Cultura, Maite Ferreiro. Iria Castro explicou que “esta notificación do xulgado é a primeira noticia que tivemos da Xunta de Galicia desde fai case tres anos” e aclarou “que se tivese interese na adquisición e na conservación de Caldaloba, puido resolver este procedemento pola vía administrativa no seu momento, exercendo o dereito de tenteo ou dereito de retracto que lle atribúe a Lei de Patrimonio“.

Reclámanlle, por tanto, que recorrese á vía xudicial cando eles estaban de acordo en negociar para unificar a propiedade baixo unha xestión pública, “sempre que houbese un plan de posta en valor”. Mentres este debate ten lugar, a situación da Torre de Caldaloba segue sen cambios desde 2022, un monumento de máis de 600 anos de historia, con categoría BIC desde 1994 e baixo a vixilancia de Patrimonio sobre o que non conseguen porse de acordo as tres administracións. En 2021, e despois de numerosas peticións veciñais e de entidades culturais, a Xunta e o Concello de Cospeito comezaron un estudo e iniciaron o proceso de compra deste monumento, que se atopaba repartido entre diferentes mans.

O obxectivo foi sempre a compra do monumento para a súa posta en valor. Así o defende o propio alcalde de Cospeito, Armando Castosa, que pon enriba da mesa “feitos claros que se demostran cun expediente que calquera pode consultar, non con palabras ditas ao aire que desinforman do que está a pasar”. En 2022 anunciouse por parte do Concello a compra da metade dos terreos onde está a Torre e que se abriría un proceso de expropiación para reclamar a outra metade, xa que non había acordo cos outros propietarios. Esta compra estivo auspiciada en todo momento pola Xunta de Galicia, afirma Castosa, quen deu o diñeiro para o proceso.

Simultaneamente, a Deputación comprou a outra metade, “a un prezo moito maior e sen estar moi claro o proceso”, engade o alcalde. Mentres tanto, Vicepresidencia afirma que a compra se realizou porque a Xunta non estaba disposta a actuar sobre a Torre “e só mostrou interese, despois, cando compramos nós”, explicaron. Ao tratarse dun BIC, a Deputación non puido completar o proceso de compra incluíndoa no rexistro, o que xerou un problema á hora de actuar sobre a mesma, e non axudou a falta de comunicación entre ambas as entidades, que se acusan mutuamente de non querer sentar a falar do presente e, sobre todo, do futuro da Torre.

“Levamos anos de bloqueo, con silencio na vía administrativa a todas as propostas de actuacións que se fixeron desde a área de Cultura no edificio, e de evasivas na vía política, sen responder a ningunha das solicitudes de reunión que se fixeron á Consellería de Cultura”, explica Iria Castro, quen afirma que se actuou en todo momento “co obxectivo último de incorporar a torre ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de recuperación, protección e valorización de acordo co seu valor histórico e simbólico para Galicia”. O problema agora é que mentres o proceso xudicial segue a súa marcha, a Torre de Caldaloba segue vendo pasar o tempo sen coidados e, sobre todo, sen unha actuación inmediata para poder frear a deterioración, que é evidente, na construción. Os veciños reclaman un acordo inmediato xa que o estado da zona e tamén do monumento pode supor un risco.

Explicaron os deputados que ao longo do ano 2023, a área de Cultura da Deputación solicitou á Xunta de Galicia en dúas ocasións permisos de Patrimonio para actuacións de conservación, estudo e consolidación da Torre de Caldaloba, “que non recibiron resposta”. A primeira, o 23 de febreiro de 2023 para realizar traballos de estabilización e consolidación. A segunda, o 5 de decembro do 2023, para desenvolver sondaxes arqueolóxicas valorativas na parcela e instalar elementos de protección no pozo situado á beira da fortaleza. A maiores, a área de Cultura concorreu á convocatoria de axudas do programa do 2 % cultural do goberno do Estado cunha proposta de investimento de 868.000 euros en actuacións de investigación, conservación e consolidación da Torre de Caldaloba, que foi desestimada en decembro de 2024 por ese bloqueo.

FORMACIÓN EN COMPETENCIAS DIXITAIS EN VILAS POUCO POBOADAS

Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a un novo proxecto que aposta pola formación en competencias dixitais aos veciños e veciñas da provincia de Lugo, concretamente naquelas localidades menos poboadas. Así, destinará un total de medio millón de euros para sufragar un total de 500 cursos que se impartirán baixo o nome ‘Y para digitalizarse, Lugo’. A iniciativa está financiada con fondos europeos e oferta contidos relacionados coa ofimática, informática básica, ciberseguridade, redes sociais ou o uso dos teléfonos móbiles.

O proxecto foi presentado pola portavoz socialista, Pilar García Porto, que defendeu a necesidade de “facer fronte a esa fenda dixital que existe no territorio, porque cremos que a tecnoloxía non debe ser unha barreira senón unha ferramenta que facilite a nosa vida diaria”, valorou. Serán, por tanto, diferentes talleres e cursos os que se impartirán nos 55 concellos da provincia que contan con menos de 5.000 habitantes, que serían todos menos: Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Vilalba, Sarria, Foz, Ribadeo, Burela, Chantada, Guitiriz, Outeiro de Rei e Castro de Rei.

“Garantir a inclusión dixital, diminuír a fenda dixital, asegurar a adquisición de competencias dixitais básicas para a cidadanía e garantir tamén que as zonas en risco de despoboamento poidan aumentar a súa capacidade dixital son algúns dos obxectivos desta actuación, que se enmarca no Reto Rural Dixital do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España”, explicou García Porto. O proxecto está previsto que se alongue ata o 20 de marzo de 2026 cunha formación que aposta pola procura de emprego ou o emprendemento. Tamén haberá formacións de especial interese para as familias, tratando temas como os riscos de Internet ou a dependencia dos dispositivos móbiles.

As persoas maiores poderán aprender sobre o uso dos teléfonos, Google, a banca electrónica, ou ferramentas de comunicación como Whatsapp ou Telegram. Agora mesmo, a institución provincial ten en marcha o proceso de selección de persoal para ocupar o posto de coordinador e enxeñeiro. “Sabemos que as novas tecnoloxías traen consigo múltiples oportunidades e ademais son unha gran aliada á hora de crear emprego e impulsar os pequenos e medianos comercios. Unha cuestión que se atopa directamente relacionada coa loita contra o despoboamento e a fixación de poboación no rural”, subliñou a deputada.

ÚLTIMAS

“Sempre estiven metido en comisións de festas e organizando eventos dende adolescente”, Daniel Veiga, ‘Plenario’

Daniel Veiga cóntanos que é da aldea de Vilaouruz, na Pontenova, aínda que é popularmente...

Presentación ao vivo de ‘Alvela’, novo disco de Faia, en Lugo

FAIA presentará ao vivo Alvela este 2 de maio en Lugo. A partir das 20.30...

Cortes de tráfico na ligazón entre a A-6 e a A-8 en Baamonte a partir do luns

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable iniciará a partir deste luns, 5 de...

Volve a auga a Lugo logo da avaría da zona das Gándaras

O Concello de Lugo comunicou a recuperación do servizo de abastecemento de auga que...