Adega-Lugo iniciou accións xudiciais contra a ampliación do polígono industrial da cidade, prevista sobre a cabeceira do río Rato, ao considerar que a actuación urbanística podería ocasionar danos irreversibles nesta contorna natural. A organización ecoloxista alcanzou o obxectivo económico mínimo que se marcou para acudir aos tribunais grazas á campaña ‘Río Rato sen cemento’, que recibiu máis de 200 doazóns.
Para a asociación, esta resposta demostra que existe “un importante respaldo social” á protección do patrimonio natural de Lugo e que “unha parte da cidadanía está disposta a implicarse na conservación destes espazos”.
O presidente de Adega-Lugo, Xosé Manuel Rodríguez, destacou que o resultado da iniciativa vai máis aló da cantidade recadada, xa que tamén contribuíu a dar visibilidade a unha contorna natural pouco coñecido. Segundo sinalou, “as achegas recibidas reflicten a preocupación da cidadanía polo futuro dos nacementos do río Intre e o rexeitamento a que este espazo desapareza baixo o desenvolvemento urbanístico”.
A campaña coincide co feito de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitise a trámite o recurso contencioso-administrativo que Adega presentou o pasado 3 de setembro contra o desenvolvemento do Plan Parcial S5-I, que afecta á cabeceira do río Rato. Esta decisión permite que os tribunais examinen a legalidade dunha actuación que, segundo a organización ecoloxista, podería comprometer de forma permanente os valores ambientais da zona.
ESPAZO DE “ESPECIAL INTERESE”
Adega considera que os nacementos do río Rato e a súa contorna constitúen un espazo de especial interese ecolóxico, no que conviven pequenos cursos de auga, zonas húmidas, charcas, carballeiras e bosques de ribeira. Estes elementos contribúen á regulación hídrica da conca e forman parte dun corredor verde que conecta este territorio co río Miño.
A asociación advirte de que a urbanización prevista suporía unha “transformación irreversible” destes terreos, debido, entre outros factores, á impermeabilización do chan e á alteración dunha contorna que desempeña funcións esenciais para o equilibrio hídrico. A organización subliña a importancia de conservar as zonas húmidas, as masas forestais e as áreas de recarga de auga, especialmente no actual contexto de cambio climático.
En canto aos motivos da impugnación, Adega sostén que o proxecto presenta “deficiencias ambientais e de planificación”, ademais de “posibles incumprimentos da normativa urbanística e ambiental vixente”. Entre as súas principais obxeccións figura o impacto que a actuación tería sobre os cursos de auga, os humidais e as masas forestais que contribúen a recárgaa hídrica da conca do Rato.
A entidade tamén alerta dos posibles riscos de inundación augas abaixo e cuestiona que a ordenación proposta garanta suficientemente a seguridade fronte a estes episodios. Neste sentido, considera que non se aplicaron “co rigor necesario” as medidas preventivas recollidas na Declaración Ambiental Estratéxica.
Outro dos argumentos de Adega céntrase na xustificación socioeconómica da ampliación industrial. A asociación cuestiona que sexa necesario ocupar terreos naturais de elevado valor ecolóxico cando, segundo sostén, “existen alternativas viables e parcelas industriais baleiras” noutros polígonos xa urbanizados do municipio de Lugo.