“En Galicia temos preto de 5.000 fungos catalogados e milleiros de especies”, afirma José Castro, directivo da Sociedade Micolóxica Lucus. Esta asociación organiza diferentes actividades ao longo do ano e o Galicia Confidencial puido asistir ao seu ‘Luns micpolóxico’. Trátase dun encontro no local social da asociación lucense onde diferentes usuarios traen cogomelos para aprender a identificalos. “Á hora de facelo débense observar textura, cor, hai que fragmentalos, é parte da aprendizaxe. En caso de dúbida, nunca se consome nada”, comenta Julián Alonso, o encargado de impartir esta actividade e presidente.
Soan nomes científicos do máis variado e explican que no caso dos fungos a nomenclatura é de gran importancia: “Calquera organismo vivo ten asociado un nome científico latinizado, pero nos fungos ten especial relevancia porque non se debe empregar o seu nome popular dito na vila ou localidade, non remite a un cogomelo concreto. O nome científico é igual en Lugo ca en China”.
“HAI MOITA IGNORANCIA”
Galicia é un territorio propicio para o desenvolvemento de diferentes especies de fungos pola humidade constante, o verdor e un clima moi favorable. Porén, existe moito descoñecemento, segundo recoñece Castro. Falamos de fungo e de cogomelo, tes claro que é cada un? “O fungo é o organismo principal e o cogomelo é o aparello reproductor do fungo, se fose un vexetal, sería o froito. Punto importante que pertencen ao reino Fungi e que se asociarían máis ao animal que ao vexetal. O fungo desenvolve cogomelos cando precisa espaiarse botando esporas, entón, un cogomelo é todo o seu aparello reproductor”.
Se pensamos en consumo de cogmelos posiblemente penses nunha bandexa de champiñóns ou de especies variadas, fixácheste no etiquetado? “Debera figurar a especie completa, pero moitas veces están mal identificadas. Cogomelo ao que non o é ou mesturados cando non deberían. Neste sentido hai unha lagoa que as administracións deberían tomar en conta”, afirma Jose. Conta unha anédota que lle pasou nun supermercado onde advertiu de que os cogomelos estaban “podres e en mal estado”. Pese a que o persoal sabe identificar cando unha mazá está en mal estado, destaca, “hai moita ignorancia no mundo dos cogomelos”. Tanto no ámbito comercial como de consumidor, algo que pode supoñer un perigo e polo que reivindica o papel das distintas asociacións micolóxicas.
E, ademáis do descoñecemento, existe a problemática dun mal uso das redes sociais ou dos avances tecnolóxicos. Hoxe en día existen aplicacións para identificar cogomelos e mesmo podes facer búsqueda a través dunha fotografía. Porén, desde a Sociedade Micolóxica Lugo fan fincapé en que se precisa saber unha cantidade de características moi considerable: “Precisas cortar polo medio, de non facelo, é imposible, tes que cheirar e ver como se expón ao osíxeno e si se oxidan. Hai cogomelos nos que é imposible no mesmo campo e precísase un estudo microscópico. Tamén casos nos que este estudo non é suficiente e hai que secuenciar ADN, e aínda así non se identifica”. José é un amante da micoloxía dende hai anos, pero non come cogomelos i é consciente de qu existen grupos nas redes para identificar. “Saes ao campo, fas unha foto, mandas polo grupo e vaste fiar de quen che di se vale ou non para comer? En internet está todo, pero un non se pode fiar de nada”, reflexiona.
DOUS FUNGOS CURIOSOS E UNHA ESPECIE LETAL
Sabías que se empregaba a tinta dun cogomelo durante a Segunda Guerra Mundial? A especie coprinus comatus, ten a caracteristica da delicuescencia, polo que, o cogomelo ao madurar, se converte nunha especie de tinta. “Están nas esporas e sábese que a empregaban os nazis para realizar escritos cifrados ou secretos. Escribían con tinta de coprinus mensaxes importantes e o receptor analizaba cun microscopio se tiña a tinta as esporas deste cogomelo. Si era afirmativo, a mensaxe era auténtica e, se non, sospeitosa de ter sido modificada ou captada polo inimigo”, conta. Non se sabe se é unha lenda ou certo, pero dise que o propio Hitler asinaba os escritos importantes con tinta de coprinus para “facilitar a súa verificación”.
Sabías que o ser vivo máis grande que se coñece no mundo é un fungo? Nin unha balea nin un elefante, senón unha armillaria ostoyae. Ocupa un espazo dunhas 965 hectáreas (equivalente a 1665 campos de fútbol) ou case 10 quilómetros cadrados de solo. “Esa dimensión estudouse en Estados Unidos, onde hai un parque natural moi afectado por este fungo que é parasito dos piñeiros. Nunha universidade estudaron este fungo e analizaron o ADN, coa sorpresa de que analizado nun punto e a centos de quilómetros, era a mesma especie e tamén mesmo organismo ou individuo. É extraordinario“, expón.
Sabes cal é o cogomelo máis letal do mundo? “O cogomelo que máis mortes produce en todo o mundo é amanita phalloides. Calcúlase que só 50 gramos en fresco deste cogomelo, pode ser letal para un adulto”, indica. Unha especie moi extendida en todo o mundo e moi abandoso, neste caso de Lugo, na contorna do río Rato, na zona de Meilán… Realmente desenvolve un papel fundamental na natureza, resulta beneficioso e non causa dano ningún, a non ser que, se coma. En caso de inxesta, afecta ao fígado porque mata as células e precisaríase un transplante no menor tempo posible para non morrer.
Julián Alonso amosa neste vídeo das redes do Galicia Confidencial, as diferentes características da morfoloxía: “Ten pé sombreiriño, láminas libres, esporada branca, velo parcial, tipicamente de cor verde e cun pequeno zig-zag no pé. Unha especie moi fermosa, pero tóxica, que si se coñece, é indefensa”. Por todo isto, fai especial fincapé en que a hora de identificar os cogomelos “non hai regras xeráis que valgan”.