InicioMedioambiente e PatrimonioEcoloxistas piden á presidenta da Transición Ecolóxica que Altri non reciba fondos...

Ecoloxistas piden á presidenta da Transición Ecolóxica que Altri non reciba fondos públicos

Segundo explica Ulloa Viva nun comunicado, informaron a Narbona dos "graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macrofábrica de celulosa na comarca da Ulloa".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Representantes da plataforma Ulloa Viva, xunto con membros de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace reuníronse no Congreso coa presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica, Cristina Narbona, para pedir que o proxecto da fábrica de Altri non reciba fondos públicos. Segundo explica Ulloa Viva nun comunicado, informaron a Narbona dos “graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macrofábrica de celulosa na comarca da Ulloa”.

Así, lembran que a empresa quere financiar o 25 % do proxecto con diñeiro público, do Perte de descarbonización. “Piden 250 millóns de euros do diñeiro de todos para unha industria contaminante, e queren ademais uns fondos que son precisamente para todo o contrario, con condicións claras na súa regulación de apostar por non danar o territorio, a economía circular, a protección da biodiversidade e da saúde”.

A modo de exemplo, alertan de que a compañía non inclúe na declaración de impacto ambiental a súa pegada de carbono, “pero o propio CEO da empresa recoñeceu que serán máis de 100.000 toneladas de CO2 ao ano”. Así mesmo, estas entidades continuarán coas súas protestas contra o proxecto en Palas, polo que este domingo, 30 de xuño, levarán a cabo unha cadea humana que rodeará o edificio da Xunta en Santiago.

LÓPEZ CAMPOS INSISTE EN QUE A XUNTA RESPECTA TODOS OS TRÁMITES

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, insistiu en que Goberno galego respecta “claramente” todos os trámites e procedementos administrativos en relación ao proxecto que a empresa Altri expón para o municipio de Palas de Rei. O titular de Cultura pronunciouse deste xeito no pleno do Parlamento de Galicia ao ser preguntado pola deputada do Bloque Mercedes Queixas sobre o impacto que a planta de Altri terá no Camiño de Santiago.

A parlamentaria nacionalista sostivo que, ademais do impacto territorial, socieconómico e as consecuencias sobre os recursos hídricos do río Ulla, esta “macrocelulosa” supón “unha dobre ameaza para o alto valor patrimonial, cultural e turístico do Camiño de Santiago”. Respecto diso, o conselleiro puxo en valor o labor da Xunta para “defender os intereses de Galicia” e incidiu tamén no seu compromiso co Camiño de Santiago e o Xacobeo.

Neste punto, acusou aos nacionalistas de levar á Cámara distintas medidas sobre Altri “con excesiva demagoxia, poucos datos e bastante desinformación”. Fronte a iso, sostivo que a actuación da Xunta sobre este asunto sempre foi “clara e contundente”. “O Goberno galego está a respectar claramente os trámites e os procedementos administrativos como non pode ser doutra maneira”, dixo para sinalar que “non concibe unha administración que non respecte os prazos e os procedementos que establecen as propias lexislacións e os propios técnicos”. “E así o estamos facendo de forma clara e de forma contundente, deixando que os funcionarios e os técnicos da administración autonómica fagan o seu traballo”, incidiu.

ÚLTIMAS

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...