A Asociación ecoloxista ADEGA pide colaboración cidadá para reunir os fondos necesarios e poder así emprender accións xudiciais contra tres proxectos eólicos situados sobre as serras do Courel e Valdeorras: Xeada, Orballeira e Neboada. Os dous primeiros veñen de unirse este mércores á campaña de recadación solidaria Ti Podes Paralos! para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico promovido pola Xunta, mentres que o último, Neboada, xa leva recadados máis de 400 euros no medio mes que o desafío leva activo na plataforma.
Con estas tres novas incorporacións, a campaña #TiPodesParalos xa ten activos un total de 22 desafíos, correspondentes a 22 parques eólicos que poñen en risco o medio ambiente e o patrimonio natural galego e que son potencialmente recorribles. Polo de agora, a campaña xa superou os 52.000 euros de recadación no seu conxunto, unha cifra histórica que evidencia o rexeitamento social á política eólica depredadora e insustentábel impulsada pola Xunta e o Estado coa connivencia do oligopolio enerxético.
Os parques eólicos Xeada, Orballeira e Neboada son resultado da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico de ao redor de 65 MW de potencia, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental, polo que, para os ecoloxistas, podería tratarse dunha fraude de lei. Os tres comparten infraestruturas e as súas poligonais atópanse superpostas unhas con outras. Ademais, están promovidos por tres sociedades -Maia, Sinagra e Neiva- radicadas en Madrid e que forman parte da mesma matriz de accionistas.
En concreto, os parques eólicos Xeada e Orballeira proxéctanse sobre os concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras en Ourense e Quiroga en Lugo, mentres que Neboada se estende pola Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras en Ourense e Quiroga e Ribas de Sil en Lugo. Suman un total de 10 aeroxeradores de 220 metros de altura que se sitúan nos límites da Rede Natura 2000 e que ocupan parte dunha área prioritaria para a protección da avifauna. De feito, os seus muíños afectarán de forma crítica á única parella de aguia real da provincia de Lugo e a outras aves vulnerábeis como a gatafornela ou a tartaraña cincenta.
Os tres proxectos atópanse dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e tanto Xeada como Neboada cruzan o corredor ecolóxico entre tres espazos naturais protexidos: ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra. Ademais, os aeroxeradores deste macroproxecto eólico, que poderán verse desde miradores e rutas de sendeirismo, mermarán o interese paisaxístico e turístico da contorna do encoro de San Martiño e de espazos como os montes de Cernego ou a Serra de Enciña da Lastra.