Nunha sociedade que alenta o consumismo e que se sostén sobre a cultura da inmediatez, a roupa é un dos bens que máis se moven no mercado. Mercamos roupa continuamente, esquecémonos da que temos no armario e axiña queremos estrear novas pezas. Daquela, cómpre lembrar a importancia de darlle unha segunda vida e interesarnos polas iniciativas de recollida e reutilización de téxtil. No primeiro semestre deste 2019, os lucenses doaron un total de 59 toneladas de téxtil nos colectores que dispón a Fundación Humana. Malia que a cifra pode semellar elevada nun principio, é ridícula en comparación coa cantidade de téxtil que se desbota.
Así pois, segundo as cifras de Humana Fundación Pueblo para Pueblo, na provincia de Lugo recuperáronse unhas 122.000 pezas de roupa na primeira metade do ano cun fin social e ambiental. En concreto, os municipios onde máis téxtil usado se recolleu son a propia capital (47’8 toneladas), seguida de Vilalba (7’1) e Guitiriz (2’5 toneladas). Estas doazóns proceden dos colectores verdes colocados nalgúns puntos da provincia a través de acordos cos Concellos ou con entidades privadas.
Roupa, calzado, teas de utensilios do fogar, complementos… Téxtil que xa non se utiliza, pero que está en bo estado e pode ter unha segunda vida; é unha forma de aportar un grao de area no coidado do medio ambiente, tendo en conta a contaminación que provoca esta industria en xeral.
ONDE ACABA ESTA ROUPA?
A maioría das pezas de roupa depositadas nestes colectores (o 85%) é tratada en plantas de preparación para un novo uso. Sería, por exemplo, en tendas de segunda man na propia España ou incluso en África, a onde se exportaría e onde se vendería a “prezos moi baixos”. O 15% restante véndese a empresas de reciclaxe. Lonxe de ser unha organización que destina este material de maneira gratuíta para persoas sen recursos, acaban por sacar beneficio da súa venda.
DATOS PARA GALICIA E ESPAÑA
Respecto ao total de pezas recollidas en Galicia, a cifra alcanza as 763’5 toneladas. A Coruña sitúase a cabeza, con 305; logo está Pontevedra, con 314; e, en terceiro lugar, Ourense, con 81. A provincia de Lugo non chega ás 60 toneladas recicladas. Ademais, dende a Fundación Humana alertan de que tan só o 10% de téxtil é recuperado por un xestor autorizado. O 90% da roupa desbotada acaba en vertedoiros, din.
Por iso, a organización “aplaude” o labor dos concellos que colaboran na recollida selectiva do téxtil, aínda que queda un “longo camiño por percorrer”, en palabras de Darío Gómez, responsable da Fundación en Galicia.