O goberno da Deputación de Lugo instará á Xunta a que “revise o modelo de repartición” do Fondo de Compensación Interterritorial para atender as necesidades da provincia, “de acordo co que marca a lei e atendendo ao ditame que vén facendo desde hai anos o Consello de Contas de Galicia”.
Os grupos que conforman o executivo provincial levarán ao pleno do próximo martes unha iniciativa nesta liña, xa que, argumentan, desde o ano 2022 “a provincia de Lugo non recibiu nin un só euro deste fondo”.
Tal e como apunta a Deputación, o diñeiro do Fondo de Compensación Interterritorial “procede do Estado e o seu destino é axudar a compensar as diferenzas dos territorios”. “Que unha provincia de poboación envellecida, con moita dispersión e cun gran peso do rural quede fose desa repartición supón incumprir o propósito para o cal foi creado este fondo”, remarcan socialistas e nacionalistas.
Esta situación, denuncian, “deriva de dúas decisións que demostran que o PP non coloca nunca a Lugo no mapa das súas prioridades”. Ata o ano 2015, o FCI empregouse en proxectos multiterritoriales, como estradas ou saneamento, “e nesas datas, Lugo, e tamén Ourense, entraban dentro da repartición, como resulta lóxico ante a necesidade de acurtar a brecha de desenvolvemento entre a franxa atlántica e a Galicia interior”.
“Pero por esas datas, o Goberno estatal, co popular Mariano Rajoy á fronte, recortou estes fondos nun 27% e a Xunta, dirixida por Alberto Núñez Feijóo, cambiou o modelo de xestión. Nun primeiro momento apostou por concentrar os investimentos na franxa atlántica e, a partir de 2020, optou por destinalos a proxectos únicos”, denuncian.
En 2024, dos 38,6 millóns que foron asignados polo Estado á comunidade autónoma, “o 100% foron para a ampliación do hospital pontevedrés de Montecelo”, critican.
Ante esta situación, o goberno provincial someterá a debate e votación unha proposta con tres puntos. Pide que a Xunta abandone o modelo de “proxecto único” e empregue os fondos de Fondo de Compensación Interterritorial “de maneira equilibrada no conxunto do catro provincias galegas”. Para iso, solicítalle “que teña en conta as necesidades da provincia de Lugo en materia de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos”.
En terceiro lugar, demanda “transparencia e que aclare no Parlamento como empregou este diñeiro nos últimos anos, así como a xestión que fixo dos remanentes desde 2020”.