O Grupo Municipal Socialista de Lugo criticou a xestión realizada polo goberno de Elena Candia para pór en marcha a brigada municipal de prevención e extinción de incendios forestais, “que a finais de agosto continúa sen estar oficialmente operativa a pesar de que foi presentada como unha das prioridades do Executivo local”, sinala a portavoz da agrupación, Ana González Abelleira.
Os socialistas cuestionan especialmente a decisión de cubrir temporalmente a xefatura cun funcionario que, segundo denuncian, fora responsable do propio proceso selectivo.
González Abelleira, que cualificou esta manobra de “chapuza” considera que esta solución reflicte “a falta de planificación do goberno municipal” e esixe que se aclare como se adoptou a decisión e que garantías xurídicas ofrece.
“Non estamos ante un problema administrativo menor. Estamos a falar dun problema que afecta á seguridade da zona rural”, sinalou González Abelleira, quen considera que unha adscrición temporal non permite garantir un dispositivo estable e preparado para responder ante unha emerxencia.
“Esta é a forma de gobernar, sen planificación, sen seriedade e forzando solucións de última hora”, ao que engadiu que a situación demostra as dificultades do executivo de Candia “para cumprir o compromiso adquirido tras a moción de censura”.
Segundo explica o PSOE, a persoa que fora seleccionada inicialmente para ocupar a xefatura abandonou o proceso para incorporarse á brigada doutro municipio, mentres que outras alternativas de contratación non chegaron a prosperar.
Ante esta situación, o Concello optaría por recorrer temporalmente a un funcionario que xa desempeña funcións como xefe de servizo.
Os socialistas sosteñen que o problema pon de manifesto as deficiencias do modelo de brigadas municipais promovido pola Xunta. Lembran que estes equipos están formados por cinco persoas e contan con contratos dunha duración aproximada de tres meses, entre xullo e outubro, unha fórmula que, segundo denuncian, dificulta a contratación de persoal e provoca competencia entre os municipios para captar traballadores.
O PSOE tamén apunta que o número de brigadas municipais en Galicia reduciuse considerablemente nos últimos anos, pasando de 263 en 2016 a 151 en 2023.
Ademais, sinala que nese último ano 78 concellos gobernados polo Partido Popular non chegaron a constituír a súa brigada. Para González Abelleira, estes datos evidencian que as dificultades para cubrir as prazas responden a un problema estrutural do sistema e non unicamente ás circunstancias de Lugo.
A formación socialista cuestiona así mesmo a preparación esixida aos integrantes destes equipos. González Abelleira considera insuficiente unha formación presencial de pouco máis de 16 horas para traballadores que poden ter que intervir en incendios de quinta e sexta xeración, caracterizados pola súa elevada velocidade e intensidade.
RECLAMAN UNHA REFORMA DO MODELO AUTONÓMICO
Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista reclama á Xunta unha reforma do sistema de prevención e extinción de incendios forestais que avance cara a un servizo público profesionalizado e estable, con persoal suficientemente formado, medios adecuados e capacidade para traballar durante todo o ano.
Os socialistas defenden que a prevención debe ter un maior peso e non limitarse a reforzar os dispositivos durante os meses de maior risco. Consideran que a evolución dos incendios forestais e as novas condicións climáticas fan necesario adaptar o sistema a lumes cada vez máis rápidos e difíciles de controlar.
González Abelleira acusa a Candia de utilizar a cuestión da brigada como elemento de confrontación política co anterior Goberno municipal e sostén que a situación actual demostra as dificultades de aplicar o modelo defendido pola Xunta.
“Non podemos afrontar os incendios do século XXI con estruturas fragmentadas, contratos de tres meses e dispositivos improvisados”, afirmou a portavoz socialista, que reclama ao Goberno municipal que priorice a preparación de Lugo ante posibles emerxencias e garanta un dispositivo eficaz para protexer a contorna rural e á cidadanía.
