A concelleira de Zona Rural do Concello de Lugo, Flor Rubinos, decidiu non exercer como pregoeira das festas do barrio da Milagrosa tras as polémicas dun dos actos presentados pola nova organización, a coroación de raíñas e damas.
“A propia concelleira decidiu voluntariamente non exercer finalmente como pregoeira, co obxectivo de evitar que a súa participación poida ser usada para introducir unha confrontación política unhas festas que deben seguir sendo, ante todo, dos veciños e da súa comisión organizadora”, indicou o Concello nun comunicado. Desta forma, os encargados de abrir os festexos serán os escritores Jordi Cicely e Marisol Bravos.
Todo isto, despois de que este martes a iniciativa fose criticada polo PSOE e o BNG, que lembraron un acordo de 2016, asinado por todos os partidos políticos nese momento, polo que non se ían subvencionar festas que tivesen este tipo de certames e non se participaría delas.
Este mércores, o Concello de Lugo indicou que non fixo ningunha achega económica nin contratación relacionada coa organización das festas e instou a oposición a “non converter en confrontación política o que non é máis ca actividade veciñal”.
Tamén a comisión dos festexos, encabezada por Miriam Souto, defendeu que non se trata dun certame de beleza entre adolescentes, senón que son nenas de entre 5 e 7 anos, e tamén un neno, que soltarán globos e que “non participan en ningún concurso, nin se elixe entre eles”.
“As festas son para os nenos e queremos que sexan os protagonistas, por iso facemos este acto para eles, que están moi ilusionados”, engadiu, ao tempo que lembrou que a súa intención non é xerar polémica e que cree que “se soubesen en que consiste o acto en realidade, ninguén protestaría porque é unha actividade para os reis da casa, que son os nenos”.
Así mesmo, a organización convidou a todos os partidos a participar nas festas e no evento que se celebrará tras a lectura do pregón e convida a todos os que dubiden do tipo de celebración que se vai facer a que pregunten á organización, “para que vexan que non hai nada reprochable neste acto”, concluíu.
UNHA ACTIVIDADE “RANCIA”
Pola súa banda, a deputada do BNG no Parlamento de Galicia Olalla Rodil pediu, este mércores, a retirada do apoio da Xunta a estas festas “por respecto á dignidade das mulleres e por cumprimento da legalidade”.
Rodil fixo referencia á lei de igualdade aprobada en 2023, “sen votos en contra”, para apoiar esa decisión. “Non somos gando, non somos floreiros, non somos obxectos, e as nenas aínda menos; temos que transmitir unha imaxe de igualdade e valores democráticos ás xeracións máis mozas”, destacou.
Pola súa parte, a asociación Agra dos Castros, ademais de lamentar a falta de agrupacións tradicionais no programa das festas, considera que “non é unha boa idea” recuperar este tipo de eleccións nin tampouco nombrar pregoeira a unha concelleira. A Plataforma Feminista cualificou esa actividade de “trasnoitada e rancia”, ademais de “denigrante para as mulleres”.
