O Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno de Candia que rectifique e non permita a recuperación da elección de damas e raíñas nas festas da Milagrosa, ao considerar que este tipo de iniciativas supoñen “un retroceso alarmante nos principios de igualdade polos que Lugo leva anos avanzando”.
A portavoz adxunta socialista, Ana González Abelleira, lembrou que existe un acordo plenario aprobado no ano 2016 polo conxunto dos grupos políticos da Corporación municipal no que se rexeitaba expresamente a celebración deste tipo de actos polo seu carácter sexista. “Non estamos falando dunha opinión dun grupo político nin dunha decisión que dependa da sensibilidade do Goberno de quenda. Existe un acordo plenario adoptado por unanimidade que debe ser respectado”, afirmou.
González Abelleira considera especialmente lamentable que o Executivo de Candia avale agora unha iniciativa que vai precisamente na dirección contraria aos avances conseguidos nas últimas décadas en materia de igualdade. “As festas populares son espazos de encontro, participación e convivencia. Non podemos volver a modelos nos que as mulleres e as nenas son convertidas nun elemento ornamental das celebracións e son valoradas en función de determinados estereotipos”, sinalou.
A portavoz socialista defendeu que a igualdade tamén debe estar presente na maneira de organizar e representar as festas dos barrios e parroquias. “O feminismo non pode ser un discurso para os días sinalados. Ten que formar parte das decisións cotiás das administracións e tamén da forma na que construímos os espazos de participación social. Recuperar as damas e raíñas sería dar un paso atrás precisamente nun ámbito no que xa existía un consenso político e social”, explicou.
Neste sentido, González Abelleira acusou directamente a Elena Candia de vulnerar os acordos adoptados polo Pleno municipal. “Unha alcaldesa ten a obriga de respectar os acordos da Corporación. Candia non pode seleccionar aqueles que lle gustan e ignorar os que non lle interesan. Se existe un acordo plenario contra este tipo de celebracións, o Goberno municipal debe cumprilo”, advertiu.
A edil socialista reclamou, polo tanto, unha rectificación inmediata. “Pedímoslle a Elena Candia que non dea cobertura institucional a este tipo de iniciativas e que respecte o acordo adoptado en 2016. Lugo non pode avanzar en igualdade mentres o seu Goberno promove ou ampara comportamentos que representan precisamente o contrario”, afirmou.
González Abelleira aproveitou tamén para denunciar o que considera unha utilización partidista das festas populares por parte do Partido Popular. Segundo explicou, o Goberno de Candia estaría empregando a relación institucional cos colectivos organizadores como unha ferramenta de promoción política dos seus cargos.”As festas non poden converterse nun instrumento de propaganda do PP”.
“O modus operandi é bastante sinxelo: comprometer financiamento institucional por diferentes vías e, a cambio, conseguir notoriedade para os cargos do Partido Popular nas festas dos barrios e parroquias, mediante propostas de pregóns, distincións ou presenza destacada nos actos inaugurais”, denunciou.
A portavoz adxunta lembrou que Javier Arias, Elena Candia e Flor Rubinos foron pregoneiros en diferentes barrios e parroquias, e considerou que esta dinámica desvirtúa o carácter participativo e veciñal das celebracións. “As comisións de festas levan meses traballando de maneira voluntaria para manter vivas as celebracións. O Concello debe apoialas, non utilizar ese traballo para facer promoción dos seus cargos políticos”, afirmou.
Para González Abelleira, “non é aceptable que o apoio institucional ás festas se converta nunha moeda de cambio para conseguir notoriedade política”. “As festas son dos veciños e das veciñas, non do Partido Popular. O Concello debe colaborar con independencia de quen organice, sen tentar comprar vontades nin utilizar os recursos públicos para construír unha determinada imaxe política”, engadiu.
Finalmente, a portavoz socialista reclamou a Candia que rectifique tanto no relativo á elección de damas e raíñas como no uso partidista das celebracións. “Lugo merece unhas festas abertas, participativas e igualitarias. Merece tamén un Concello que respecte os seus propios acordos e que entenda que os recursos públicos están para apoiar á cidadanía, non para favorecer a notoriedade dos cargos do Goberno. As comisións de festas merecen respecto, autonomía e colaboración institucional, non propaganda nin intercambio de favores”, concluíu.
