Un veciño de Lugo, en prisión por outros delitos, aceptou este mércores unha condena en forma de multa por insultar ao que no momento dos feitos era o presidente da Audiencia Provincial de Lugo.
Os feitos tiveron lugar en novembro de 2022, cando o home era investigado por outros delitos. Durante o interrogatorio chamou ao responsable do organismo “borrego” e referiuse a el como “o presidente dos burros, que di que a xustiza está ben en Lugo”.
Desta forma, foi acusado de inxurias e pedíaselle unha multa de 720 euros que quedou reducida a 450 euros ao confesarse autor.
