O Grupo Popular ampliará a campaña informativa que está a desenvolver sobre o novo plan de mobilidade aprobado polo goberno local de PSOE e BNG.
Despois de celebrar catro das oito reunións explicativas, abertas á veciñanza, en barrios da cidade e, ante a boa acollida da cidadanía, darán un paso máis. Vanse organizar encontros sectoriais con entidades vinculadas á discapacidade, cos equipos de emerxencias e con empresas e profesionais da distribución, xa que son ámbitos nos que a organización do tráfico, os accesos ou as zonas de carga e descarga teñen unha incidencia directa no seu día a día.
A voceira do Grupo Popular, Elena Candia, explicou que o obxectivo é que colectivos que dependen especialmente da mobilidade poidan analizar con detalle como lles afectan os cambios que recolle o documento.
Política útil, exercicio de transparencia
Desde o PP lembran que a apertura dun prazo de alegacións ao documento produciuse despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitise a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado polos populares, fronte ao intento do bipartito de aprobar o plan sen debate no pleno nin as garantías xurídicas necesarias.
Para os populares “as decisións que afectan directamente á mobilidade dos lucenses non poden adoptarse sen transparencia nin consenso”. Neste sentido, sinalou que a apertura do prazo de alegacións, que remata o 18 de marzo, confirma que o plan non estaba aprobado definitivamente.
