O Partido Popular de Lugo presentou este luns un conxunto de emendas aos orzamentos municipais de 2026 co obxectivo de “corrixir” as contas do goberno local, PSOE e BNG, que consideran “malas para a cidade” e que, ao seu xuízo, “pon en risco o futuro dos servizos públicos”.
Os populares propoñen diferentes medidas, moitas delas presentadas xa con anterioridade. Unha das principais é solicitar que as bases de execución das subvencións a entidades sen ánimo de lucro inclúan a posibilidade de anticipos de pago, co fin de facilitar o seu funcionamento.
Neste apartado social, solicitan incrementar a partida destinada á asociación ‘Michos’ “polo seu labor no coidado, protección e prevención de problemas de saúde pública relacionados cos gatos comunitarios”, así como habilitar unha partida xenérica no capítulo de persoal para reforzar a contratación de interinos ata a cobertura definitiva das prazas.
Os populares critican que o proxecto orzamentario “supere en máis de 10 millóns de euros os gastos correntes respecto dos ingresos, o que incrementa a débeda viva en máis de 40 millóns de euros”.
Desaprueban tamén que os investimentos, cifradas en 18 millóns, sexan financiadas mediante préstamos. Tamén advirten dun aumento do gasto discrecional ou non obrigatorio, reflectido no informe de Intervención. “Con estas contas estarían cesados en calquera empresa por mala xestión”, sosteñen.
OUTRAS PROPOSTAS
Ademais, presentan emendas para actuacións xa comprometidas e aprobadas en pleno, como o saneamento da rúa Fermín Rivera, aproveitando as obras previstas, ou a creación dun acceso seguro para o alumnado do colexio das Gándaras mediante unha beirarrúa ou senda peonil en Virxe da Soidade.
En materia de mobilidade, os populares propoñen un plan de aparcadoiros que inclúa a creación dun en Fontiñas, outro no barrio do Carme, así como o estudo de novos espazos na contorna do centro, como a rúa Castelao. No ámbito fiscal, expoñen a bonificación do IBI e a eliminación da plusvalía aos propietarios de terreos afectados por cambios de cualificación en áreas de expansión, que actualmente tributan como chan urbano sen poder edificar.
O PP propón tamén partidas para a redacción do proxecto de servizos de conciliación nos polígonos industriais do Ceao e As Gándaras; a adhesión ao convenio marco da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o uso de instalacións deportivas de centros educativos fose do horario lectivo, o impulso do Plan Local de Saúde Mental e a mellora das instalacións da Escola Infantil Gregorio Sanz.
VIVENDA
Co obxectivo de rehabilitar e conectar os barrios e garantir servizos básicos, as emendas inclúen destinar parte do Plan Municipal de Vivenda á rehabilitación e ao aluguer nos barrios da Milagrosa e Feijóo, mellorar a conexión peonil entre A Ponte e o cemiterio de San Froilán mediante unha beirarrúa na Estrada Vella de Santiago, reforzar a rede de centros sociais da cidade e aumentar as partidas de emerxencia e apoio a entidades sociais.
Tamén propoñen destinar parte dos fondos previstos para a renovación da rede de saneamento a executar o saneamento de Esperante. Finalmente, os populares critican que nos orzamentos de 2026 non figure financiamento para proxectos anunciados polo goberno local, como unha área de atención a persoas migrantes, a redacción da cidade deportiva de Sanfiz ou a adecuación das Caldas para novos usos, e conclúen que “non se pode enganar a todos todo o tempo”.
