A xunta de goberno da Deputación de Lugo deu luz verde este xoves á licitación dos contratos destinados a garantir os servizos esenciais no nove Centros de Atención a Maiores que xestiona actualmente.
En concreto, trátase de residencas nos concellos de Castroverde, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil, Trabada e Pedrafita do Cebreiro.
O orzamento conxunto destas licitacións alcanza case os 7 millóns de euros, segundo explicou a portavoz socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, ao termo da reunión semanal. Estes contratos terán unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórroga por outro tres.
Os contratos cobren áreas crave como a formación básica e instrumental, a programación de actividades, e a provisión de produtos e servizos destinados a fomentar a autonomía persoal dos usuarios: desde alimentación e produtos de hixiene ata a contratación de persoal específico como limpadores, cociñeiros e coidadores.
García Porto detallou a distribución do orzamento por centros, todos eles situados en distintos municipios da provincia. O de maior importe, 1.020.364,80 euros, será para o de Ribadeo, seguidos dos de Pol e Trabada, que teñen un orzamento sobre os 800.000 euros, mentres que Meira, Navia de Suarna e Pedrafita oscilan entre os 707.000 e os 717.000 euros. Finalmente, A Fonsagrada, Castroverde e Ribas de Sil teñen un orzamento algo inferior.
Actualmente, a Deputación conta con nove residencias en funcionamento e avanza na construción de novos centros en Becerreá, Guitiriz, A Pobra do Brollón e A Pontenova, así como nos proxectos de Portomarín, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Pantón.
“O modelo impulsado pola Deputación baséase nunha atención integral centrada na persoa e na proximidade territorial”, lembrou García Porto, quen explicou que todos os centros están situados en municipios de menos de 20.000 habitantes, o que permite que o 85% dos seus usuarios procedan do mesmo municipio ou de zonas limítrofes. “Isto axuda a preservar vínculos familiares e sociais, e evita o desarraigamento emocional”, lembrou.
Ademais de atender aos maiores, estes centros manteñen ao redor de 230 empregos directos, o 95% ocupados por mulleres, “o que supón tamén un impulso ao emprego feminino”. A iso súmanse numerosos postos de traballo indirectos vinculados a servizos auxiliares xerados polo funcionamento das residencias.
NOVAS OBRAS
Outro dos puntos tratados foi a adxudicación de novas obras en estradas provinciais, nesta ocasión nos municipios de Castro de Rei, A Pastoriza e Riotorto, onde investirá máis de 500.000 euros.
Concretamente, acometeranse melloras na estrada LU-P-1106, que une Castro de Rei e Campo do Oso (na Pastoriza), atravesando a parroquia de Reigosa. A empresa Cholo S.L. será a encargada de executar os traballos de acondicionamento en tres tramos desta vía, cun investimento de 450.000 euros e un prazo estimado dun mes e medio. Estas obras, como o resto, inclúen a reapertura de cunetas, instalación de canalizacións de formigón para mellorar a drenaxe, nova pavimentación con aglomerado en quente e sinalización.
Os tramos a intervir abarcan case 10 quilómetros en total: o primeiro vai desde a zona da ponte sobre o río Azúmara ata o punto quilométrico 7,682 na parroquia de Pacios (Castro de Rei); o segundo, en Reigosa (A Pastoriza), entre os quilómetros 9,5 e 10; e o terceiro sitúase entre os puntos 10,5 e 11,74, á altura da rotonda que conecta coa LU-P-4401, preto da Ermida.
Por outra banda, tamén se adxudicaron por máis de 60.000 euros as obras de mellora do trazado en dúas curvas da estrada LU-P-5501, que une Meira e Riotorto. Neste caso, a empresa Obras e Saneamentos Galicia S.L. levará a cabo as actuacións na parroquia de Ferreiravella (Riotorto), concretamente nos puntos quilométricos 4,965 e 5,765.
García Porto destacou que estas actuacións “forman parte dun esforzo continuado por manter e modernizar a rede provincial de estradas, que con 4.217 quilómetros é a máis extensa de todas as deputacións do país”.