InicioLugo e contornaLugoO Concello de Lugo optará a 20 millóns de fondos europeos para...

O Concello de Lugo optará a 20 millóns de fondos europeos para reformar o norte da cidade

Entre as actuacións previstas destaca a ampliación da zona peonil, a creación de espazos arboledos e de zonas cubertas e descubertas para "a socialización"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo presentou un plan de reestruturación da zona norte da cidade, co que concorrerá a fondos europeos destinados a grandes cidades a través da Estratexia EDIL.

Segundo explicou en rolda de prensa a alcaldesa luguesa, Paula Alvarellos, Lugo opta a un total de 20 millóns de euros para desenvolver a zona da Avenida da Coruña, por unha banda, e da Intermodal, pola outra, ambas as actuacións baixo o distintivo de Novo Norte e nun prazo de execución que se prolongaría ata 2029.

Acompañada polo edil de Dinamización Ecónomica, Mauricio Repetto, e da xefa de servizo desta área, Isabel Villamor; a rexedora explicou o proxecto, que contempla actuacións en infraestruturas, sociais, económicas, ambientais e turísticas, “atendendo ás suxestións cidadás recollidas como conclusión do proceso participativo que abrimos hai varios meses”.

“O obxectivo deste PAI responde a unha única meta final: rexenerar o espazo urbano comprendido a ambas as marxes da avenida da Coruña, e que afecta a unha área onde residen máis de 25.000 lucenses, e facelo ademais desde unha perspectiva tanto social como económica, e sempre baixo criterios de sustentabilidade urbana. Para iso apostamos por transformar a arteria principal da zona norte nun gran bulevar verde coa creación dunha senda de preferencia peonil que conecte este eixo vertebrador co Centro histórico e o resto da cidade”, sinalou a alcaldesa.

Nun principio esta actuación está acoutada entre San Fernando e o parque de Frigsa, pero non se descarta seguir ampliando a zona a medida que se vaian executando os distintos proxectos.

Esta modificación da zona implica tamén unha profunda reordenación do tráfico e dos aparcadoiros que aínda non teñen claro como se vai a facer, pero que se centrarán no Plan de Mobilidade co que contan.

Entre as actuacións previstas neste capítulo destaca a ampliación da zona peonil, a creación de espazos arboledos e de zonas cubertas e descubertas para “a socialización”. Inclúen tamén unha importante senda verde que conecta a avenida co barrio da Milagrosa a través dun itinerario que percorre parte de camiño Real e a rúa Tino Grandío.

Para esta actuación destinaranse uns 8 millóns de euros, nos que se incluirá unha batería de melloras, entre elas unha aposta por incorporar sensores de control de prazas de aparcadoiro e cámaras de identificación de matrículas para o control de tránsito, a habilitación de pasos peonís intelixentes e sensores de detección de viandantes que axuden a regular o novo sistema de tráfico e instalaríanse sinais lumínicas para aumentar a seguridade viaria.

Ademais, proxéctase introducir un sistema de aluguer de bicicletas eléctricas para fomentar o transporte alternativo. “Isto vainos a permitir, por unha banda, conectar a zona norte co Centro histórico e outras zonas da cidade de forma eficaz, sustentable e respectuosa co noso medio ambiente e a nosa veciñanza”, apuntou Alvarellos.

Unha das estrelas deste proxecto será a creación dun tren eléctrico de batería de litio de dous vagóns e con capacidade para uns 56 pasaxeiros, que se encargará de impulsar o turismo e o comercio na zona. Para iso, sinalizarase unha ruta turística que divulgará o patrimonio arquitectónico da zona norte, centrada especialmente en diferentes edificios históricos da parte máis próxima á Muralla.

A tecnoloxía é un dos requisitos principais neste proxecto, polo que está previsto dotar estes barrios de bancos intelixentes con cargadores para dispositivos móbiles e con conexión a Internet pública, mupis dixitais que facilitarán información de servizos de interese para a cidadanía e un sistema de sinalización que permita identificar, servizos, parques e zonas de descanso.

En canto ás infraestruturas, a outra zona de actuación será a contorna da Intermodal, onde o principal obxectivo é “unha intervención importante no espazo urbano que proporcione unha clara mellora da accesibilidade”, dixo Alvarellos.

Así, a intención é a instalación dun sistema mecanizado que desde a praza Conde Fontao ata Miguel de Cervantes facilite o tránsito cara ao resto da trama urbana. Aínda non ten claro que sistema sería o máis apropiado, pero estúdanse diversas opcións, como escaleiras ou costas mecánicas e un ascensor. Para esta solución destinaranse uns 5,2 millóns de euros.

ÚLTIMAS

O novo xefe da comandancias de Lugo, ante o reto de “seguir profundando nunha provincia segura”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, recibiu aos novos xefes das comandancias de...

As obras na catedral de Lugo revelan un tramo dunha cloaca romana

Os traballos que a Xunta de Galicia realiza na Catedral de Lugo revelaron un...

PP de Lugo e de Asturias piden explicacións pola ausencia da Gran Senda do Navia no programa Camiños Naturais

Senadores do PP de Lugo e de Asturias reuníronse este luns en Navia de...

O SLG alerta das xubilacións masivas en granxas e pide axudas para novas incorporacións e plans de mellora

Responsables do Sindicato Labrego Galego concentráronse este mércores en Lugo, diante do edificio da...