InicioCulturaPaloma Lugilde: “Facer teatro no cemiterio de San Froilán é un privilexio”

Paloma Lugilde: “Facer teatro no cemiterio de San Froilán é un privilexio”

A directora de Palimoco Teatro analiza os cambios na efervescente escena do teatro lucense mentres reivindica a cidade e a contorna como escenario

PUBLICADA O

- Advertisement -

Palimoco Teatro completou este mércores unha nova representación de Don Juan Tenorio no cemiterio de San Froilán, un escenario pouco convencional para o público, aínda que habitual para a compañía. A directora, Paloma Lugilde, observa que Lugo ten futuro neste arte: os meniños, os Palimoquiños, gañaron o certame Xuventude Crea 2018 con Así que pasen cinco anos, reeditando aquel primeiro éxito do grupo conformado en 1998, e que no 2000 se alzaba co mesmo premio. E isto, a piques de celebrar dúas décadas.

Como é actuar nun escenario como o cemiterio de San Froilán?

Un privilexio. É un sitio que dá moita paz e tranquilidade. A primeira vez que o fixemos, hai catro anos, foi estraño para todos, porque era a primeira vez que iamos actuar nun cemiterio e que deseñabamos unha obra para aquí. Non sabiamos como ía funcionar. Sentímonos acompañados en todo momento, cunha paz marabillosa, é un cemiterio moi, moi bonito.

O público vainos acompañando; a obra comeza na porta do cemiterio, e despois ten que ir acompañándonos polas diferentes estancias da obra ata chegar á capela. É bonito ese acompañamento.

Lugo empeza a estar en contacto con cemiterio e a valoralo doutro xeito, coma un espazo cultural, algo compartido. Que comenta o público que asiste a estas funcións?

Sorprende moito. Ao principio non sabes moi ben que vas ver. Eliximos o Don Juan porque dende 1892 se vén realizando en España no Día de Todos os Santos. Houbo certa controversia por facer cousas culturais no cemiterio, pero como son feitas con todo o respecto do mundo, a xente marcha bastante sorprendida.

Despois de facer o Don Juan coas pequenas, para min foi o exemplo máximo da necesidade de facer un diálogo coa morte, algo que ás pequenas lles encantou. É un tema moi tabú por desgraza, e para elas, para as que perderon un familiar recentemente, pois supuxo un xeito de traballar con elas este tema, algo bonito, un xeito de atoparse, a que non estean sós, que dicían elas. É moi lindo. O que facemos é moi coral, o público intervén camiñando con nós, vai empapándose da atmosfera do cemiterio.

Hai outro espazo desta clase en Lugo que se podería recuperar para a cultura?

Creo que moitos. Palimoco sempre foi de facer cousas na rúa, parécenos que o teatro ten que chegar máis. O anfiteatro do parque de Rosalía de Castro é precioso para concertos, e pode recuperarse aínda máis; hai unhas naves na Deputación de Lugo, todo o parque que rodea o Centro de Artesanía e Deseño, moitos recunchos no Miño e no Rato, que son escenarios xa de por si, o Recatelo, nós facemos cada ano unha antígona por enriba do adarve…  Lugo está cheo de recunchos marabillosos.

Cara onde vai Lugo en canto a programación cultural, co espertar no asociacionismo?

Todo isto é produto dun barbeito de hai anos. A nivel teatral, hai máis de trinta anos que estaba o que despois foi Achádego; de aí saíron outros grupos, e outros que non tiñan que ver con Achádego fixemos colaboracións con eles; dez ou doce grupos de teatro aficionado, Microefectos-Dramatúrxicos, Curuxan coas súas improvisacións todos os meses; moitas compañías profesionais, nós levamos como profesionais dez anos, como aficionados vinte; escolas de teatro (non só a nosa, Ítaca, Victoria Gil…).

Isto débese a moitos anos de traballo de parte de moita xente, e non dun só colectivo. Agora hai un impulso de xente que regresa á cidade, que está ben formada, é creativa e experimenta. Quen estamos aquí, que decidimos no seu momento quedar aquí, temos que dar un impulso a esa xente que chega para que non se vaia. Temos que ter coidado co que fagamos.

Debémonos ao noso pasado, non podemos esquecer. Había moito feito, e agora hai que seguir empurrando, e non querer empezar de novo. Hai que aprender dos que estiveron. Cando comecei, prestábame moito Achádego, Nova Escena, porque quería escoitalos e que me dixeran que pasaba co teatro. Partimos de aí, téndoos en conta a eles.

Escola Palimoco Teatro
Escola Palimoco Teatro

Está moi ben todo o que está a pasar. Dase a circunstancia de que Viva Lugo e outros medios comezaron a aparecer, e hai un sitio a onde ir, como o Boletín Cultural do Concello, que nun determinado momento funcionou moi ben tamén. É un cúmulo de circunstancias que hai que aproveitar.

A min preocúpame un aspecto. Estou a favor do asociacionismo, pero as institucións non poden esquecerse dos profesionais, porque téndese a apoiar só o asociacionismo. En toda arte escénica hai que cobrar, coma os médicos e fontaneiros, teñen que comer cada día. Coido que hai que estabelecer unha liña de apoio tanto ao asociacionismo coma á industria cultural de Lugo, para que a xente non se vaia.

Que diferenzas atopas entre dirixir a compañia de teatro e a escola de Palimoco e o grupo universitario?

Hai diferenzas de idade que me poñen no sitio. A universidade permíteme estar na realidade. Os Palimoquiños, os de Down, gosto de dar clase a distintas idades para non perder o norte. Se só fora a unha determinada idade, pode que non fose consciente do que pasa ao meu redor, ou como se vive. Teño que agradecer moito a sorte que teño, son unha privilexiada en todos os sentidos.

Ás veces levas mal o de formar xente de raíz. Cando comezou Palimoco, e non había moita movida e non había como dar traballo a quen comezaba comigo, fun a primeira que con toda a dor no corazón lles dicía que tiñan que marchar.

A compañía de teatro USC-Lugo

Algo que cada vez me gusta máis é xuntar todos os grupos aos que dou clase.  No Don Juan xúntase a Universidade cos Palimoquiños e o grupo de investigación, veñen os de Down, hai clases abertas para pequenos e maiores… ese intercambio xeracional fai que non se perdan eslabóns polo camiño. Ás veces falta comunicación.

Non podemos pensar que non había nada e que chegamos para encher un espazo en branco. Cando comezabamos, os de Achádego levaban tantos anos traendo xente… agora hai bastantes servizos culturais en Lugo, e toda esa xente que está no Grao, no Máster, ten que moverse e ver todo o que hai en Lugo, esa efervescencia.

O cemiterio de San Froilán, a historia da cidade a través dos mortos

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...