InicioCulturaUn millón de euros para manter Veterinaria coma referente europeo

Un millón de euros para manter Veterinaria coma referente europeo

O padroado do hospital veterinario Rof Codina renovará as instalacións para manter a acreditación da Facultade de Veterinaria do Campus Terra

PUBLICADA O

- Advertisement -

A inminente mellora nas infraestruturas da Facultade de Veterinaria permitirá renovar a acreditación europea e manter este centro coma referente comunitario. O padroado do hospital veterinario Rof Codina, participado pola propia Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello de Lugo, comprometeu un investimento de máis dun millón de euros para esta tarefa.

A achega económica realizada polos patronos é esencial para que a Facultade de Veterinaria, parte do Campus Terra de Lugo, poida continuar coma referente en España e en Europa. Esta renovación das instalacións e o equipamento do Rof Codina é o paso previo para que a Asociación Europea de Ensino Veterinario (Eaeve) acredite novamente a excelencia da formación impartida.

Durante a inauguración das obras do complexo hospitalario, o reitor da USC, Antonio López, subliñou que esta intervención era un obxectivo prioritario. No acto compareceu unha nutrida representación institucional, entre os que se atopaban o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a vicerreitora de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel; o deán da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro; o presidente da Deputación, Darío Campos; a tenente de alcalde do Concello, Ana Prieto; e o director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino.

Tal e coma adiantou este último, as reformas farán posible que o Rof Codina poida recibir en setembro á comisión europea encargada de avaliar os parámetros de docencia, servizos asistenciais e investigación. Pola súa banda, o director xerente da Fundación explicou que os traballos afectan á optimización de espazos e infraestruturas básicas, que redundarán na mellora da calidade dos servizos para o alumnado e o conxunto da sociedade.

O conselleiro aproveitou este evento inaugural para salientar que a sede universitaria lucense concentra un “triángulo virtuoso” vencellado ao eido veterinario. “A Facultade de Veterinaria de Lugo é o centro universitario de Galicia que capta máis alumnado procedente de fóra da comunidade”, subliñou.

Rodríguez mencionou o potencial investigador do Centro de Biomedicina e Veterinaria, cuxas instalacións a carón do hospital Rof Codina foron inaguradas hai escasos meses. Este centro especializado agroma unha capacidade de desenvolvemento de I+D+i igual ou superior a outros homólogos en Europa.

O presidente provincial, Darío Campos, centrou o seu discurso no impacto da Facultade de Veterinaria coma promotor da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. O aporte da Deputación, dixo, é un medio para acadar o progreso social e económico da provincia, mantendo outro distintivo internacional no Campus Terra.

ÚLTIMAS

Os gandeiros realizan unha nova marcha a pé con vaca incluída en Lugo e solicitan reunións con eurodeputados

Os gandeiros e agricultores da provincia de Lugo, dirixidos por Agromuralla e Gandeiros Galegos...

A Deputación de Lugo recupera a normalidade coa primeira xunta de Goberno presidida por Carmela López

A Deputación de Lugo recuperou a normalidade, tras a elección de Carmela López o...

O PSOE acusa ao PP de “degradar” as infraestruturas de Lugo: da VAC Costa Norte ao corredor Nadela-Monforte

A deputada no Congreso, Patricia Otero, e o senador por Lugo, César Mogo, denunciaron...

O PP de Lugo sitúa a vivenda como prioridade e promete facer “accesible o que Sánchez fixo imposible”

"A vivenda é un desafío prioritario para o Partido Popular", manifestaron este venres deputados...