Cheché Real é presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, onde leva máis de dúas décadas na directiva. Optimista pero prudente, prefire evitar pronósticos, aínda que ten moi claro cal é a traxectoria da provincia no eido turístico. O Arde Lucus sinalou o comezo da tempada alta.
Cal é o balance que fan do Arde Lucus?
Magnífico. Outro ano máis, magnífico. O Arde Lucus trae unha proxección, ponnos nun espazo turístico importante, e logo economicamente para os establecementos da hostalaría é moi importante. Non o temos cuantificado, porque cada establecemento é un mundo, pero o volume de negocio é importante.
E a tendencia?
A tendencia é a alza. Dende que comezou o Arde Lucus ata hoxe, sempre foi ascendendo, aínda que pode estabilizarse nalgún ano, dependendo do tempo. Non o tempo que fai na propia fin de semana, senón antes, que é importante para que a xente se anime a achegarse. Por outra banda, este ano paréceme que foi un acerto que o Concello diversificara alén do casco histórico, abrir a festa. Por iso visualmente pode dar a impresión de que houbo menos xente, o máis probable é que houbera ou a mesma, ou máis xente. Non quero tirar farois. Repartiuse doutro xeito a afluencia.
A época estival é clave para o sector e xa coñecemos os datos de emprego de xuño. Houbo unha reducción interanual no desemprego na provincia de Lugo do 12,61 por cento. Cal é o impacto no sector hostaleiro?
Cando chegan estas datas, a partir de abril, e comeza a tempada de verán, efectivamente se solicita moita xente para traballar. Isto quere dicir, unha vez máis, que o turismo vai á alza. A presencia de visitantes é cada vez maior, iso é un feito, e necesítase máis persoal nos establecementos, en aloxamento, cafeterías, restaurantes, ocio nocturno… A min alégrame pero non queremos sacar os pés do testo. Sabemos que Lugo, coma Ourense, sae dende moi abaixo. Dende hai sete ou oito anos despegamos pouco a pouco e cada vez de xeito máis importante. Pero non podemos equivocarnos nas previsións.
A oferta de Lugo será abondo nos vindeiros anos?
Si. Sempre se fala de aloxamento e nunca se fala de restaurantes. A oferta de aloxamento está a medrar polos apartamentos turísticos, pero en canto a hoteis, a oferta que temos é a ideal para o turismo que temos, e as tempadas que temos. O sector privado, que se xoga os cartos, perfectamente vai saber cando ten que subir a oferta. As tempadas son de dous, tres meses, pero logo hai nove meses por diante que non son o mesmo ca o verán. É a desestacionalización.
É certo que cada vez máis a provincia de Lugo énchese en datas diferentes ás habituais, que son o verán, as festas de San Froilán e o Arde Lucus, ou a Semana Santa. Hai máis presenza fóra destas datas festivas ao longo da provincia, pero non dá para montar hoteis ou subir o número de camas. Hai que ir paseniño e iso sábeo o sector privado.
Qué tipo de destino é Lugo? Cales son as súas vantaxes?
Lugo é, turisticamente, unha provincia avantaxada. Só lle falta unha pista de esquí, porque ten de todo: turismo cultural, agroturismo, enoturismo, praias marabillosas, montaña, deporte. Ten unha gama variada do que se pode demandar salvo no turismo de inverno. Ten patrimonio cultural e iconas que son Patrimonio da Humanidade: o Camiño, a Muralla de Lugo, a Catedral de Lugo, a Catedral de Mondoñedo.
Ademais deste reclamo turístico, temos diversidade paisaxística e cromática entre norte e sur, a Mariña, a Ribeira Sacra, o Courel, os Ancares e a Terra Chá. Somos unha provincia privilexiada.
Que falta?
Falta seguir machacando na promoción, facer que todo isto se coñeza. Todo este patrimonio turístico temos que facelo chegar, sobre todo a nivel institucional. Precisamente as administracións están para iso, para facer promoción cos cartos públicos que recadan coas taxas turísticas. Eses impostos teñen que reverter no turismo.
A promoción da Axencia de Turismo da Xunta é interesante, por parte da Deputación tamén, e por parte das empresas privadas coma a nosa –que somos unha asociación sen ánimo de lucro– facemos promoción, nos momentos libres, en conxunto para toda a provincia. E hai moitas máis formiguiñas coma nós que á súa maneira promocionan o que hai. E está dando resultados, nos sete ou oito últimos anos estase vendo un incremento moi, moi importante no turismo na provincia de Lugo.
Somos nós, estamos aquí e temos isto, sempre dentro dunha marca Galicia, que é Santiago de Compostela, recoñecida internacionalmente, e dunha marca España, que turisticamente é moi coñecida. Temos que buscar eses apoios, arrimar e ir remando. Temos que ir coa onda doutros que xa están no panorama turístico con moita máis forza. Pero iso, sabendo que o maior emisor de turismo cara a provincia de Lugo é o Estado español, máis ca o internacional, que está a crecer moito, pero aínda somos de turista nacional.
De cara á internacionalización, pode o Camiño Primitivo enganchar a Lugo con esa marca Galicia?
Temos varios: o do Norte, o Primitivo, o Francés –que xa está consolidado e ateigado de xente–, o da Costa. Todos eles teñen a súa importancia de cara á promoción, pero si é certo que as infraestruturas están no Francés. Agora colle forza o Primitivo, que hai que dotar de infraestruturas, para que non caia. E apoiar tamén ao do Norte, ao de Inverno, e o da Costa tamén. Dende a década dos oitenta, cando se revitalizou o Camiño, está aí o resultado; nel hai un turismo internacional moi relevante.
A provincia ofrece tipos de turismo que están de moda, pero tamén festas singulares. Que é San Froilán para Lugo?
O San Froilán é a única feira de verdade que queda en Galicia. E aínda podería ser máis enxebre. O resto non son feiras, son mercados. De momento, San Froilán é a máis arraigada e significa para o turismo a proxección que xa ten, o pulo de cara ao resto de Galicia e as comunidades limítrofes. Ten un tirón importante de xente de Asturias, Cantabria, Castela.
Son máis días ca o Arde Lucus, practicamente unha semana, e é outro tipo de festa. Se o Arde Lucus é unha festa con xente nova, con treitos de idade ata os 50-60 anos, o San Froilán abrangue unha gama meirande, con xente moi maior e xente que vén cos bebés. Eu coido que hoxe por hoxe aínda o Arde Lucus non superou ao San Froilán. Pode chegar, pero a nivel comunitario segue máis arraigado o San Froilán, que dá proxección e moi boa soa turisticamente. Encaixa na marca Galicia, que non debe esquecer estas festas que nos diferencian doutras formas de ser.
O turista que vén a Lugo é o turista que repite?
Absolutamente. Sae encantado por todo, pola xente, polas instalacións, pola gastronomía e a diversidade. Sempre queda moito por ver nas diferentes zonas da provincia. Temos de norte a sur uns cen quilómetros, é unha provincia grande pero fácil de ver, e a xente queda prendada da súa diversidade.
As conexións quizais son o debe.
Iso podemos extendelo a toda Galicia. As conexións teñen que mellorar moitísimo, pero teñen que facelo constantemente, coa meseta, con outras comunidades. Temos os exemplos da A-6 e a Ponte dos Santos, agora a A-8 que comunica todo o norte dende o País Vasco. É fenomental para nós e para eles. As comunicacións son básicas para que a xente se achegue, importantísimas nun panorama turístico que se precie.
Vén unha boa época para Lugo.
Son anos bos. Aquí non nos afecta tanto o boom do turismo polos problemas no Magreb, Exipto, Turquía… agora cambian as tornas pero a nós non nos afecta en Galicia. Non captamos un turismo internacional coma base do noso sistema, como pasa nas Illas e no Mediterráneo. Hai que levalo e medilo moi ben. As comunicacións son importantes, o turista quere facilidades, pero tamén disfrutar da viaxe se non ten présa, ver lugares e xentes. Sempre que exista unha comunicación rápida, poder escoller.