InicioSociedadeÁs festas de San Lázaro da Ponte, con Elena

Ás festas de San Lázaro da Ponte, con Elena

A miña vinculación co barrio da Ponte é enorme: é o lugar onde vin o mundo por vez primeira (en Polusa), está a poucos metros do meu barrio (O Carme), pasei añares nel entre o Fluvial e a Ponte Romana, agora no Forus e na Calzada... pero hai algo que pesa aínda máis: de pequeno, cando os meus pais traballaban moito, unha rapaza do barrio á que quero un mundo me coidaba e me levaba sempre de aventuras por el: Elena. Este é un texto que escribo para o libro das Festas do San Lázaro 2020, pero que comparto hoxe cos lectores do Lugo Xornal

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os que me coñecedes sabedes ben da miña paixón polo meu barrio do Carme, e das miñas historias dende neno paseando co meu arxentino (fillo de galegos de Baleira e Ribadeo) pai polo daquela -e ata hai pouco- abandonado Regueiro das Hortas… ou polos carreiros da Pousadela e da Cheda camiño do hipermercado. Pero non tantos sabedes a cantidade de motivos que me unen a un dos meus barrios favoritos desta cidade, probablemente o meu segundo favorito tralo Carme e sen dúbida no podio xunto a Recatelo.

Sei que non deixa de ser un dato anecdótico, pero non deixo de mencionalo nunca nas miñas visitas guiadas ou cando falo cas amizades: eu nacín no barrio da Ponte! Concretamente no Polusa… iso si, recordo ben que nada máis nacer o primeiro que fixen foi pechar os ollos e achegarme a unha ventá do hospital para mirar e namorarme do meu barrio do Carme (non vaia ser que me expatríen agora, hehehe).

Vistas do barrio do Carme dende o barrio da Ponte (Guido Álvarez Parga)
Vistas do barrio do Carme dende o barrio da Ponte (Guido Álvarez Parga)

Máis alá diso, e de ter pasado tantas horas da miña vida entre o Fluvial e a Ponte Romana, o máis especial que me une ó barrio da Ponte é ter pasado unha primeirísima infancia de aventura en aventura a través del. Por que ou por quen? Pola miña querida Elena Corredoira, a rapaza que me coidaba cando eu era moi cativo e os meus pais traballaban moitas horas.

DA MAN DE ELENA

Con Elena descubrín o pan máis rico do mundo (hai algún pan máis rico que o das panaderías da Ponte?), descubrín a incrible natureza que temos ós dous lados do noso Miño, descubrín a rapazada do barrio, as Termas Romanas, a Ponte Romana, a Calzada Romana, aquel club xuvenil ao que me levaban ela e os seus amigos, o lavadeiro que estaba fronte á Casa das Cores e o albergue actuais (e onde moitas veces atopabamos á súa nai limpando roupa naqueles finais dos 80)… e como non, as Festas de San Lázaro!

Conxunto histórico de San Lázaro (Guido Álvarez Parga)
Conxunto histórico de San Lázaro (Guido Álvarez Parga)

Teño recordos perfectamente nítidos daquel pequeno San Froilán que todos os anos se liaba e lía no barrio, pero que daquelas tiña unha forza que hoxe botamos de menos e queremos recuperar (xunto á Comisión de Festas, aos amigos da Asociación unidos polo Camiño e ao novo cura de San Lázaro Abraham, que acaba de chegar á cidade tras máis dunha década en Albania). Inesquecible ese sabor das roscas e o ambiente festivo dun barrio máis que bimilenario!

Despois desa divertida infancia con Elena, A Ponte foi para min lugar de deporte (sobre todo no Fluvial) e de moitísimas aventuras cos amigos. Pero a montóns!

Paseos guiados polo barrio da Ponte. Bosques de San Lázaro (Guido Álvarez Parga)
Paseos guiados polo barrio da Ponte. Bosques de San Lázaro (Guido Álvarez Parga)

O BARRIO DA PONTE POLO MIÚDO

Agora, xa rumbo dos 35, e de volta en Lugo dende o 2015 tras 11 anos fóra da miña terra, desfruto cantidade tendo á Ponte coma un dos meus lugares predilectos para traballar como guía. Para min é do mellorciño, do máis valioso que temos neste recuncho dourado do mapamundi que é Lugo. A Ponte é o barrio do gran Miño, do pracer romano, do Camiño Primitivo, dos paseos ata o río do pequeno Froilán, da vía Künig, da vía XIX, das irmás Cuíña (que tanto me axudaron no paseo “Amencer” e ás que tantísimo cariño lles teño), do Fluvial, de Forus, de Polusa, das panaderías, da Calzada Romana, da Casa das Cores, do Aniceto, do Chuco, do hostal San Lázaro, do Buide, de Sandra e César do Raposo (a panadería máis antiga de Lugo?) do Balneario, dos bañeiros, do volcán do Parque Marcos Cela, do vello serradoiro, dos escultores Chacón e Camilo, do frontón ó lado do clube de piragüismo no que pasamos tantas horas, da Volta da Viña, da Casa da Concha, da ruta cara un dos cemiterios máis fermosos de Europa, do colexio, de Luis e Ánxeles, dos sendeiros milenarios rumbo a Cuíña, das Festas de San Lázaro, do bar (o meu favorito de Lugo) dos meus amigos Roger e Alex, do albergue do meu amigo Toño, epicentro do presente e futuro turismo verde e sendeirista de Lugo… pero sobre todo é o barrio de Elena.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...