De Ninghures actuará o domingo 26 de xullo en Castroverde dentro da programación musical promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar a música tradicional e en galego a todos os públicos.
A Praza do Concello acollerá o concerto da banda, con raíces na Fonsagrada e consolidada como un grupo de referencia na escena da música en galego cunha proposta baseada na renovación da música tradicional a través da variedade de instrumentos e da mestura con outros ritmos.
A deputada Iria Castro explicou que “a programación do concerto diversifica e amplía a proposta musical das festas e, sobre todo, supón unha oportunidade para achegar a musica en galego e inspirada na tradición a todos os públicos, máis aló dos circuítos de festivais e dos grandes eventos”.
Neste sentido, a responsable de Cultura sinalou que “cremos que é importante que a sociedade no seu conxunto se sinta partícipe da revolución creativa arredor da música tradicional que representan bandas como De Ninghures, que ademais teñen parte da súa orixe na Fonsagrada”
O concerto -às 21.30 horas- porá o broche ás Festas do Santiago, que comezan este xoves e que contan con outras colaboracións da area de Cultura na súa programación, como o espectáculo infantil Cé Orquestra Pantasma ou as actuacións na rúa da Mekanika Rolling Band e do grupo de música tradicional Asubíos da Chaira contribuíndo á configuración dunha axenda con actividades e música para todos os públicos.
