InicioEconomíaUn novo enfoque dende Lugo para a arquitectura e a enxeñaría

Un novo enfoque dende Lugo para a arquitectura e a enxeñaría

A3 Proyectos, con base na capital lucense, fai realidade un novo paradigma na elaboración e modificación de proxectos con realidade virtual

PUBLICADA O

- Advertisement -

Noé Gallego e Jorge Bustos compartiron clase en Enxeñaría Civil, e máis tarde Juan Álvarez compartiu destino con eles no máster de Dirección de Proxectos da USC, onde se especializaron no modelado de información para edificios. Así comezou A3 Proyectos, cando hai cousa de ano e medio, tomaron a decisión de crear algo por conta propia, empregando a realidade virtual e aumentada para que clientes sen coñecementos puidesen entender os proxectos de enxeñería e arquitectura dun xeito intuitivo.

Procuraban oportunidades de mercado, e tamén dar un servizo público. Adicaron un ano para informarse sobre a técnica e atopar destinatarios, pois carecían de experiencia previa. Comezaron a mostrar traballos a xente de confianza, e a boa aceptación levou a “unha bóla de neve” da que foron saíndo os primeiros colaboradores. O máis importante destes colaboradores resultou ser un doctorando informático que, dende hai uns meses, “une as pezas”, realizando “achegas específicas” e “derradeiros retoques”.

A continuación chegou o intre de estabelecerse nun local, convencidos da idoneidade dun espazo de titularidade pública. No Centro de Empresas e Innovación de Lugo, CEI Nodus, atoparon sinerxias coas empresas derredor, coworkings con profesionais de diferentes sectores e, en definitiva, a forma de chegar máis lonxe na idea, aínda que sen a visibilidade que ofrecería un lugar máis céntrico.

Crear demanda

Noé, Juan e Jorge no despacho de A3 Proyectos no CEI Nodus | Óscar Bernárdez
Noé, Juan e Jorge no despacho de A3 Proyectos no CEI Nodus | Óscar Bernárdez

Hogano, o reto de A3 Proyectos é conformar unha carteira de clientes. O enfoque é o dun estudo propio, subministrador de servizos. Están convencidos de que “a demanda hai que creala”, para o que confían nas bondades do produto e no coñecemento teórico e práctico do equipo. Son únicos e dominan unha carta de ferramentas específica.

O boca a boca e as redes sociais, cando non a casualidade, son os vectores de aproximación. En Lugo, o cliente habitual está instalado na capital ou na costa, e adoita ser un promotor que procura produtos de nivel alto. No equipo están interesados en ofrecer a realidade virtual e aumentada aos eidos da publicidade e o turismo, e nesa liña participarán canda a Sogos Consulting –outro espazo emprendedor lucense– no programa Descubrindo o Camiño Primitivo, creado polos concellos na marxe da ruta de peregrinaxe.

Contan con aprender de cada cliente para abrir novas potencialidades. En A3 Proyectos están satisfeitos cos avances realizados, que pasan por un demostrador tecnolóxico propio sobre o que van implementando melloras, e outros sistemas creados ad hoc. O problema, explican, é chegar á proba da tecnoloxía por parte do cliente, que está cómodo no “inmovilismo” dun sector “arcaico”. Decontado empezarán a amosar as capacidades dos produtos, que “gostan a todos”, en feiras e exposicións.

Probamos o mundo virtual

Hai tecnoloxías e proxectos que deben manter en segredo, mais este xornal tivo acceso a varias demostracións. Salvando unha porcentaxe marxinal, apenas hai clientes con problemas para aclimatarse, e o certo é que o calibrado outorga unha sensación moi natural tanto na realidade aumentada como na realidade virtual.

A realidade aumentada implica a superposición dunha capa con elementos virtuais sobre o mundo que percibimos cos sentidos. Neste caso, tan sinxelo como empregando unha aplicación móbil, o teléfono muda en visor a partir dun reclamo físico. É o que cualifican de tecnoloxía democrática. Esta técnica permite apreciar e interactuar un obxecto tridimensional –tan sinxelo coma un moble, ou tan complexo coma un edificio con todas as divisións internas– proxectado sobre a ubicación física, e é posible manipular a colocación e as características do mesmo.

No caso da realidade virtual, trátase dun mundo creado na totalidade. O usuario pode adoptar un rol pasivo, seguindo marcadores estratéxicos a modo dun tour virtual, ou obter capacidade de decisión sobre a ubicación neste mundo virtual. Para a visualización pode optarse pola tradicional pantalla, ou mergullarse no universo dixital combinando gafas, auriculares e mandos cos que moverse e modificar o escenario.

Con este sistema, o usuario-deus ten capacidade omnipresente e omnipotencial sobre un panorama de 360 graos. Así, pode observar e anticiparse a problemas no proxecto, con varios niveis de información á vista, controlando o ambiente –a hora do día, o clima– e facendo uso de ferramentas para reemprazar estruturas, materiais e obxectos. Claro que as palabras non son abondo. “O que mellor o define é probalo”, din con razón.

A comercialización, o talón de Aquiles do emprendemento lucense

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...