InicioLugo e contornaLugoLugo aproba os convenios para a renovación de Serra de Meira e...

Lugo aproba os convenios para a renovación de Serra de Meira e de Fermín Rivera

Tamén se aprobou o cambio de posto de tres vendedores do Mercado de Frigsa, o que deixa actualmente este mercado semanal, que se celebra os martes e venres, con oito postos vacantes

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia que permitirá executar as obras de mellora da rúa Serra de Meira, unha actuación incluída no desenvolvemento do Plan Paradai e que levaba meses pendente de poder iniciar a súa tramitación administrativa.

O acordo tramitouse despois de que a administración autonómica remitise o proxecto ao Concello o pasado 6 de marzo, o que permitiu aos servizos técnicos municipais analizar o documento e emitir os informes correspondentes. O orzamento desta obra é de 1.104.370,69 euros, dos cales 881.950 destinaranse a obras e o resto a tarefas de control e supervisión.

Durante a mesma reunión do goberno local tamén se aprobou outro proxecto destacado, a renovación integral da rúa Fermín Rivera, situada na contorna da zona fluvial do barrio da Ponche.

O proxecto de reforma de Fermín Rivera desenvolverase en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e contará cun investimento superior aos dous millóns de euros. Segundo o acordo alcanzado, o organismo estatal asumirá o 95 % do custo da actuación, mentres que o Concello financiará o 5 % restante.

Na sesión tamén se aprobaron dúas novas licenzas urbanísticas que suporán un investimento privado conxunta superior aos dous millóns de euros na cidade.

A primeira delas corresponde á construción dun edificio residencial no número 140 da Rolda de Fingoi, promovido pola empresa Rodhnox Investimentos S.L. O proxecto contempla un inmoble con 16 vivendas, 16 trasteiros e 32 prazas de aparcadoiro. O edificio contará con dúas plantas de soto destinadas a garaxe e trasteiros, planta baixa, catro plantas superiores e unha planta baixo cuberta.

A edificabilidade total prevista alcanzará os 2.579,50 metros cadrados nunha parcela de 2.585 metros cadrados, cunha altura de 15,28 metros, inferior ao máximo permitido polo plan urbanístico municipal. O orzamento de execución material da obra sitúase en 1.757.015,27 euros e o prazo máximo para a súa execución establécese en 36 meses. A licenza leva aparellada ademais unha liquidación tributaria municipal superior aos 70.000 euros en concepto de taxas urbanísticas e do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras.

Por outra banda, o goberno local autorizou tamén a construción dunha nave industrial no Parque Empresarial das Gándaras, promovida pola empresa Tecgal Enerxías S.L., vinculada ao sector dos servizos enerxéticos. A nova instalación contará cunha superficie construída de 921,82 metros cadrados e 876,50 metros cadrados útiles destinados a almacenamento e zona administrativa, ademais de cinco prazas de aparcadoiro asociadas á actividade.

O investimento previsto para este proxecto ascende a 303.790,47 euros e o prazo máximo de execución será de 18 meses. A licenza leva así mesmo unha liquidación tributaria municipal superior aos 12.000 euros entre taxas urbanísticas e ICIO.

ACTIVIDADES CULTURAIS

Entre as decisións adoptadas este mércores destaca tamén a apertura do procedemento de licitación do contrato para a difusión das actividades culturais nos comercios da cidade.

Este contrato permitirá distribuír cartelaría e programas da programación cultural en distintos establecementos, co obxectivo de facilitar que a cidadanía coñeza as numerosas actividades que se organizan cada ano desde a área de Cultura. O servizo terá unha duración desde a súa adxudicación ata o 31 de decembro, con posibilidade de prórroga ata un máximo de cinco anos, e contará cun orzamento inicial de 1.815 euros, IVE incluído.

Por outra banda, o goberno municipal iniciou os procedementos administrativos necesarios para a organización dunha nova edición do Arde Lucus. Neste marco, acordouse sacar a contratación os patrocinios publicitarios vinculados ao evento e delegar determinadas competencias de tramitación administrativa co fin de axilizar o proceso e facilitar a xestión dos contratos relacionados coa celebración da festa.

OUTROS ACORDOS

Na reunión tamén se aprobou o cambio de posto de tres vendedores do Mercado de Frigsa, o que deixa actualmente este mercado semanal, que se celebra os martes e venres, con oito postos vacantes.

Por último, a Xunta de Goberno desestimou dous recursos de reposición. O primeiro, presentado pola empresa PRODIODO, S.L.U., en relación co contrato para instalar un truss motorizado e electrificado no Auditorio Gustavo Freire, ao non cumprir a empresa adxudicataria cos requisitos legais nin dispor dos medios necesarios para executar a obra.

Tamén se rexeitou o recurso da empresa WORK ON SUNDAY, S.L.U., que reclamaba compensacións por actividades canceladas durante o San Froilán 2024 debido a unha alerta meteorolóxica que obrigou a suspender parte da programación. A empresa recibiu 7.830,35 euros dos 11.580,34 que reclamaba, ao non considerarse xustificadas todas as facturas presentadas.

Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local tamén se deu luz verde á terceira prórroga do contrato do Servizo de Atención no Centro de Día Antonio Gandoy. A ampliación permitirá manter o funcionamento deste recurso asistencial ata marzo de 2027, cun custo anual de 613.300 euros.

Así mesmo, aprobouse a creación de dúas prazas de técnico de educación infantil, co obxectivo de reforzar os servizos municipais vinculados á atención e educación na primeira infancia.

A Xunta de Goberno Local aprobou ademais a organización do evento “Europa Somos Todos e Todas”, que se celebrará o próximo 9 de maio. A iniciativa contará cun orzamento de 18.615 euros e a súa execución adxudicarase mediante un procedemento de contratación aberto.

LUGO PARTICIPA NUN FORO NACIONAL SOBRE CIDADES SUSTENTABLES

Noutra orde de asuntos, o Concello de Lugo participou en Madrid nun foro nacional sobre cidades sustentables centradas na bioeconomía, organizado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. A representación municipal correu a cargo do concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, e da arquitecta municipal Susana Penedo.

Durante a xornada, Lugo compartiu experiencias e proxectos vinculados á planificación urbana sustentable e á adaptación das cidades ao cambio climático. Un dos obxectivos do foro foi mostrar iniciativas que poidan servir de referencia para outras cidades europeas en materia de planificación urbana sustentable e adaptación climática.

Neste contexto, Lugo presentou distintos proxectos desenvolvidos na cidade dentro dunha estratexia urbanística que aposta por integrar natureza, eficiencia enerxética e economía verde e circular.

Durante a intervención de Susana Penedo destacouse o potencial do municipio para impulsar este tipo de iniciativas grazas ao seu patrimonio natural, a súa contorna forestal e as súas posibilidades no ámbito da bioeconomía.

Entre os exemplos expostos figura o edificio Impulso Verde e a súa contorna, presentado como un caso de cambio de modelo construtivo cara ao uso de materiais renovables e sustentables.

Tamén se abordou solucións aplicadas neste proxecto, como o impulso da autosuficiencia, a agricultura urbana, a plantación de especies autóctonas, o cultivo enerxético para xerar enerxía renovable e a planificación urbana biodinámica.

+ posts

ÚLTIMAS

A Xunta denfende o servizo de Urxencias do HULA e o PSdeG acúsao de “tapar e ocultar”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou o servizo de Urxencias do Hospital...

Proxección coloquio dos videoclips finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo este xoves no Pazo de San Marcos

A deputada de Cultura Iria Castro convida a asistir á proxección coloquio dos videoclips...

Formación da Deputación ‘E para dixitalizarse, Lugo’: 3000 persoas pasaron por estas aulas

  O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entregou este mércores en...

O PP acusa a PSOE e BNG de teren un “pacto” con José Tomé e de ser “o seu socio de goberno”

O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo reclamou explicacións públicas á...