O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acollerá este luns a vista de apelación contra o veredicto dun xurado popular que condenou a 26 anos de prisión a J.U.V.S., un home de orixe colombiana, polo asasinato de Cristina Cabo en 2022. A vítima, unha muller de 42 anos que rexentaba unha tenda de produtos ecolóxicos no barrio da Milagrosa, morreu desangrada tras ser atacada no seu domicilio.
Para o xurado quedou probado durante o proceso celebrado o pasado mes de maio que houbo aleivosía e ensañamento no ataque. Segundo os feitos, a vítima recibiu 49 feridas de coitelo despois de que ambos acudisen xuntos á vivenda tras coñecerse nun pub do centro histórico de Lugo. Ademais do asasinato, o home foi considerado culpable de roubo, xa que se marchou da casa levando unha bicicleta e un computador da vítima mentres esta quedaba ferida de gravidade.
Durante o xuízo non se debateu a autoría, xa que o procesado confesou os feitos despois de que a súa propia irmá o denunciase ante as autoridades. A clave xurídica centrouse en determinar se se trataba dun asasinato ou dun homicidio. A defensa, exercida pola letrada Pilar Baños, solicitou que a pena non superase os 22 anos, argumentando as atenuantes de lexítima defensa e trastorno mental transitorio derivado dun elevado consumo de drogas e alcol.
O condenado mantén no seu recurso de apelación as mesmas claves que non foron recoñecidas polo xurado popular, incluída a atenuante de confesión pola súa colaboración coa investigación tras ser detido. A sentenza actual da Audiencia Provincial impón 22 anos de cárcere polo asasinato e catro polo roubo. Así mesmo, establece que o procesado sexa expulsado do país unha vez acceda ao terceiro grao ou á liberdade condicional, coa prohibición de regresar nun prazo de 10 anos.
