InicioLugo e contornaLugoCCOO denuncia a situación da xestión do persoal no Concello de Lugo...

CCOO denuncia a situación da xestión do persoal no Concello de Lugo con cartas a Sánchez, Díaz e Pontón

Segundo CCOO, o bipartito de Lugo "traizoa os seus propios principios", pois mentres presume de ser un goberno progresista e defensor do público, "na práctica estaría a vender e externalizando servizos e abandonando ao persoal municipal"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo presentou este mércores na Subdelegación do Goberno tres cartas dirixidas ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez; á ministra de Traballo, Yolanda Díaz; e á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para denunciar a situación “límite” na xestión do persoal no concello lucense.

Nas misivas, o sindicato lanza un “SOS” e un “chamamento desesperado” ante o que considera un “desprezo absoluto ao diálogo social, unha política de privatización de servizos públicos e unha incoherencia política” por parte do goberno local, formado por PSdeG e BNG.

Segundo CCOO, o bipartito de Lugo “traizoa os seus propios principios”, pois mentres presume de ser un goberno progresista e defensor do público, “na práctica estaría a vender e externalizando servizos e abandonando ao persoal municipal”.

O sindicato acusa o executivo local de utilizar o desvío orzamentario como principal ferramenta de xestión, baleirando as partidas destinadas a cubrir vacantes e reforzar o capítulo de persoal para financiar outros gastos alleos.

Os representantes sindicais alertan de que a situación dos servizos municipais chegou a un punto crítico, e critican a “falta de coherencia” do goberno local: “Mentres se gardan minutos de silencio por vítimas de violencia machista, deixan caducar unha praza para os pisos de acollida destinados a mulleres maltratadas e os seus fillos”.

“O Concello de Lugo non só está colapsado, converteuse nun buraco negro que devora o público, a igualdade e a xustiza social coa complicidade de quen debería defendelos”, explicou a secretaria de Acción Sindical de CC.OO no Concello de Lugo, Teresa Rodríguez.

PECHE NO CONCELLO

Ante este escenario, CCOO reclama amparo ao Goberno de España e avanza que os seus membros están dispostos a encerrarse e encadearse no Concello se o executivo local non se aviene a negociar “nos órganos regulados, nas mesas de negociación e non nos bares”.

O sindicato xustifica estas medidas “na ausencia de avances tras anos de reivindicacións” e na negativa, aseguran, do goberno municipal a manter un diálogo real.

Entre as principais demandas de CCOO figuran a cobertura de prazas vacantes, a regulación da xornada laboral, a revisión da relación de postos de traballo e a mellora das instalacións municipais. Algunhas destas deficiencias xa foron denunciadas ante a Inspección de Traballo, o que levou ao concello a iniciar certas reparacións.

“CCOO estará aí para desenmascarar a hipocrisía política e esixir coherencia ideolóxica”, conclúe o sindicato, que asegura que a súa loita vai máis aló da xestión laboral. “Levamos nesta situación 15 anos, sen a xornada regulada, sen RPT”, engade, ademais de sinalar que xa denunciaron máis de 100 postos de traballo no Concello de Lugo en situación irregular.

Pola súa banda, Rodríguez sinalou que son moitos os servizos que están afectados pola falta de persoal, “é un problema estrutural”, explicou, sendo especial nos servizos de atención á cidadanía. Do mesmo xeito critican que a privatización se está realizando en maior escala os últimos anos, pero “levamos 26 nesta situación”, puntualizaron Manuel Quiñoá e Javier Rodríguez representantes deste sindicato presentes na acción deste mércores.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

A concelleira Ana González Abelleira, en representación do Goberno municipal, defendeu a xestión do persoal no Concello de Lugo e asegurou que si existen avances e diálogo cos sindicatos. Segundo explicou, nos últimos meses celebráronse dúas mesas de negociación e varias reunións informativas, nas que se alcanzaron acordos en distintos ámbitos, como o da Escola de Música.

González Abelleira negou as acusacións de irregularidades orzamentarias e afirmou que “aquí non se desvía nada”, lembrando que existen órganos de fiscalización e intervención que garanten a legalidade de todas as actuacións municipais.

“Traballamos con responsabilidade para manter a cobertura de persoal en todas as áreas de goberno e facelo o mellor posible. As críticas son lexítimas, pero o compromiso coa legalidade e a xestión pública é absoluto”, subliñou.

Pola súa banda, o tenente de alcalde Rubén Arroxo lamentou o ton das declaracións sindicais e criticou que a liña de CCOO se achegue á do Partido Popular, lembrando que a situación do persoal está condicionada pola taxa de reposición imposta polo exministro Montoro, unha limitación que -segundo sinalou- “o sindicato sabe perfectamente que existe”.

ÚLTIMAS

Lugo adxudica o proxecto da pasarela do Carril das Flores

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo adxudicou este mércores o proxecto...

Investigan a morte da muller arremetida por unha vaca no San Froilán

O falecemento dunha muller tras ser arroiada por unha vaca durante o desfile de...

Lugo recibirá 15 menores migrantes da cota distribuída polo Goberno

A cidade de Lugo acollerá a un grupo de 15 menores migrantes da cota...

Rede Museística Provincial, un modelo de xestión que democratiza a cultura e o acceso a ela

A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL), Encarna Lago, advirte ao respecto da...